A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a penas que suman 22 anos e dous días de prisión a un home como autor de dous delitos de agresión sexual, un deles continuado, cometidos sobre unha menor que no momento dos feitos tiña 14 anos, fronte aos 28 anos do procesado. Segundo se recolle na sentenza, o tribunal provincial considera probado que o acusado e a nena, ambos os dous veciños da Coruña, comezaron a ter encontros sexuais no verán de 2024. O acusado coñecía a menor porque frecuentaban amizades e lugares comúns e, de feito, tamén coñecía o pai da nena.
Esas relacións sexuais eran voluntarias por parte da nena, aínda que a Audiencia matiza que, debido á súa idade, non podía prestar un consentimento válido. Ademais, lembra que os contactos se producían “na clandestinidade”, sendo consciente o acusado de que a nena era menor de 16 anos, a pesar de que el o negou no xuízo. Por outra banda, en novembro de 2024, o acusado acudiu de madrugada ao domicilio da menor, que saíu ao portal para atoparse con el, xa que este lle dixera que tivera unha discusión co seu pai e non estaba ben. No portal do inmoble agrediuna sexualmente, a pesar de que a moza lle pediu que marchase e rexeitou o contacto con el.
A nena quedou embarazada e deu a luz en 2025, cando tiña 15 anos de idade. Todo o ocorrido ocasionoulle un prexuízo psicolóxico e moral e, segundo sinala a Audiencia, existe un informe “demoledor” do Imelga que recolle que a nena padece sentimentos de culpa, vergoña, ademais de ansiedade e trastornos do sono e da alimentación. Ademais, está “desbordada” pola súa recente maternidade e ten un “apoio familiar inconsistente”.
“NON DEIXA DE SER MENOR” POR SAÍR DE NOITE
O tribunal rexeitou os argumentos do acusado, que insistiu en que as relacións eran consentidas e en que non sabía que a nena era menor, alegando que saía ata altas horas da madrugada. Respecto diso, a Audiencia apuntou que polo feito de saír de noite “non deixa de ser menor de 16 anos” e que el “coñecía perfectamente” a súa idade. Por todo iso, considerou o acusado autor de dous delitos de agresión sexual sobre menor de 16 anos, un deles continuado, e condenouno a penas que suman 22 anos e dous días de cárcere.
Así mesmo, impúxolle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 30 anos, a inhabilitación para exercer actividade ou oficio que implique contacto con menores durante 34 anos e unha medida de liberdade vixiada durante 20 anos tras saír de prisión. A Audiencia matiza tamén que non se pronuncia sobre a privación da patria potestade con respecto ao bebé que tivo a vítima, porque o acusado non o recoñeceu e dáse unha situación de “indeterminación da filiación”. En concepto de responsabilidade civil, condénao a indemnizar a moza con 30.835,47 euros polo dano moral. A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

