Cambiar a forma de xestionar o lixo en prisión é algo tremendamente complicado. E facelo ademais fomentando a inclusión e convertendo aos propios internos en axentes protagonistas aínda máis.
Nese desafío atópase o Centro Penitenciario de Teixeiro, desenvolvendo as primeiras fases do proxecto (Re)Evolución Plástica. Impulsado pola Fundación Érguete, a iniciativa de economía circular trata de transformar residuos plásticos xerados no propio en oportunidades de inclusión sociolaboral das persoas privadas de liberdade, ademais de crear, con ese plástico reciclado, elementos de uso común no centro.
Un xeito de cambiar a xestión do lixo plástico no centro penitenciario, un verdadeiro quebradeiro de cabeza para o Concello de Curtis. O Centro intégrase así na comunidade global Precious Plastic, unha rede internacional que comparte coñecementos e ferramentas para impulsar comunidades locais de reciclaxe de plásticos.


O proxecto desenvólvese en tres fases estruturadas que implican de xeito directo a máis de 100 persoas beneficiarias dentro do centro penal. Nunha primeira instancia, realizáronse charlas de sensibilización sobre medio ambiente e economía circular dirixidas ás persoas encargadas dos economatos e os offices de cada módulo. O seu papel será fundamental, xa que se encargarán de garantir a correcta clasificación, selección e limpeza dos plásticos depositados nos novos colectores facilitados polo Concello de Curtis.
Paralelamente, durante os meses de xullo, agosto e setembro, o estudo de deseño sostible Fair Enough instalou no centro a maquinaria especializada para a reciclaxe, que inclúe unha trituradora e unha inxectadora deseñadas pola comunidade Precious Plastic e adquiridas por Érguete-Integración grazas á colaboración da Fundación VINCI España e da Empresa de Inserción Laboral Cormo Integral.
Durante a segunda fase do proxecto, un grupo de 15 persoas internas está a recibir formación ocupacional sobre a reciclaxe de plásticos, co obxectivo de adquirir coñecementos teóricos e prácticos sobre o impacto ambiental deste material, a súa clasificación e o seu proceso de reciclaxe. Ademais, aprenden a manexar a maquinaria instalada para reutilizar o plástico recollido e clasificado, que posteriormente é triturado, fundido e moldeado para fabricar novos produtos.
Os primeiros produtos
Entre os primeiros obxectos elaborados atópanse peites e outros accesorios que, na etapa final do proxecto, serán distribuídos ás internas e internos do centro e doados a persoas en situación de rúa usuarias dos servizos que a Fundación Érguete-Integración presta no Barrio das Flores.

A (Re) Evolución Plástica traspasa os muros da prisión
O proxecto “(Re) Evolución Plástica” destaca por xerar un beneficio que traspasa os muros da prisión, creando novos vínculos coa comunidade ao demostrar que as persoas privadas de liberdade poden actuar como axentes de cambio positivo na sociedade e rompendo co estigma social que as acompaña. Así, con esta acción non só se busca mellorar a xestión de residuos dentro do propio centro penal, senón tamén no municipio de Curtis, que verá reducida substancialmente a cantidade de lixo da que debe encargarse. Ademais, a formación mellora as posibilidades dos internos e internas de atopar un emprego ao remate da condena, aportándolles novos coñecementos técnicos e mellorando habilidades como o traballo en equipo, a responsabilidade, a organización e xestión do tempo, a comunicación ou a autonomía, entre outras.
Nun futuro próximo, prevese tamén establecer colaboracións con outras entidades sociais e centros educativos, seguindo o modelo de iniciativas impulsadas anteriormente pola Fundación Érguete como Entre Patios ou Tecendo Redes. A longo prazo, a entidade aposta por consolidar este espazo como un taller ocupacional de referencia, con capacidade para crecer de forma sostible e estender esta metodoloxía a outros centros penais do Estado.
Este proxecto é posible grazas ao traballo en rede e conta coa colaboración do Centro Penitenciario de Teixeiro, a Fundación VINCI España, a Empresa de Inserción Laboral Cormo Integral e o Concello de Curtis.
Máis novas
Redes recicladas e feitas polos internos do CIS para os goles do CEE Aspronaga
A Fundación Érguete, Agalure, AFACO e a Fundación Mulleres, os premios socias da Deputación

