O Ministerio de Transportes e Mobilidade acometerá cambios provisionais no tráfico na AC-11 pola remodelación de Alfonso Molina de cara a poder avanzar nos traballos, segundo informa.
Nun comunicado, explica que será necesario dispor de espazo na marxe dereita en sentido saída da cidade. Desta maneira posibilítase o tránsito de maquinaria, a execución de traballos de iluminación, drenaxe e telecomunicacións, así como as actuacións de ampliación do desmonte para o incremento da plataforma.
Por iso, a partir das 22.00 horas de hoxe, xoves 1 de outubro, e ata o luns 22 de febreiro de 2027, o tres carrís da AC-11 en sentido saída da cidade desprazaranse cara á mediana, reducindo a súa anchura, á altura do paso superior sobre a avenida García Sabell.
Así mesmo, acurtarase o carril de incorporación á AC-11 do tráfico procedente do polígono de Pocomaco, quedando reducido ou sen circulación a beiravía e o carril dereito segundo o tramo, entre a avenida García Sabell e o ramal de saída cara á Zapateira, que xa conta cun desvío provisional debido ás obras.
Durante este período, tamén se limitará a velocidade en sentido saída da cidade a 70 km/h desde a fonte das Paxareiras e a 50 km/h desde a altura do centro comercial Carrefour ata as inmediacións do acceso á gasolineira de Repsol.
Como itinerarios alternativos para acceder á AC-11 desde a avenida García Sabell, recoméndase utilizar os accesos desde San Cristóbal e a estrada da Zapateira. Os desvíos foron coordinados coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e o Concello da Coruña.

