Norte Cinema Diverso chega este ano coa súa cuarta edición que se celebrará do 24 ao 27 de novembro na Filmoteca de Galicia e no Teatro Colón da Coruña. Un ciclo que achega á Coruña a creación audiovisual LGTBQ+ está organizada pola Asociación Palestra, coa colaboración de do Concello da Coruña, a Cinemateca Pedro Zerolo, a Academia Galega Audiovisual, e a aplicación Scruff.

A edición arrincará o martes 24 de novembro, ás 18.00 horas, na Filmoteca de Galicia. Baixo o título Off Galicia. Curtas galegas Norte Cinema Diverso, a sesión recuperará para a pantalla grande unha selección de curtametraxes galegas proxectadas nas tres primeiras edicións do certame.
A programación do Teatro Colón incluirá 16 producións, 5 delas galegas. “Serán 12 curtametraxes e 4 longas”, comenta Fernando Cayazzo, director do festival coruñés. “O certame quere achegar ao público a diversidade de experiencias do colectivo LGTBIQ+ e reivindicar o papel do cinema na conquista da igualdade real”.
A sesión Mulleres directoras galegas abrirá o certame o mércores 25 de novembro ás 21:00 horas con tres curtas e unha
longametraxe dirixidas por cineastas galegas. Lucinda Rey Escribano sitúa nunha vila costeira galega dos anos 80 a historia de amizade e descubrimento do desexo adolescente en Bolboretas. En Corre, Saamira Ganay imaxina unha Coruña distópica na que dúas mulleres agochan a súa relación para protexer a súa filla. Alba Domínguez Serén recupera en Delincuente a memoria da Maradona, líder dunha banda xuvenil do Vigo dos 80. A sesión pecharase con As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, que cruza durante tres días as vidas dunha muller de 50 anos en proceso de separación e dun mozo trans que encadea traballos precarios.
Da saúde sexual á loita por unha vivenda
O xoves 26 haberá dúas sesións. Ás 19:00 h, Camiños de pedra proxectará a curta Mi primera Comunión, de Ángel Villahermosa,
e o documental Chemsex, un viaje al interior, de Emman Demar.
A cinta aborda o consumo de drogas en contextos sexuais desde a experiencia das persoas implicadas e abre unha conversa sobre
saúde sexual e benestar.
Ás 21:00 h, Identidades nas marxes reunirá a animación portuguesa Pietra, de Cynthia Levitan, as curtas Algo novo que contar, da viguesa Paula Pereira, e Pez al agua, de Candida Massielle Asencio Doñe, ademais do documental Corren las liebres, de Lorena Ros. A súa protagonista é unha muller xitana trans que, tras saír do cárcere, loita por conservar unha vivenda e recuperar a custodia dos fillos.
Un encontro co público e unha clausura con Iván & Hadoum
O venres 27, ás 17:30 h, o festival reunirá o público con cineastas e artistas da edición para conversar sobre as películas e o seu proceso de creación.
Ás 19:00 h, Traxectos reunirá cinco curtas que abordan os vínculos familiares, a memoria, a despedida e o dó. A sesión
inclúe Carta ao Pai, Piedra, papel, tijera, Violetas, Dafne y Pol e Alwasiyya. Contará tamén cunha actuación en acústico do grupo Zavala.
A clausura comezará ás 21:00 h coa entrega do premio Trini Falcés á mellor curtametraxe e a proxección das curtas
recoñecidas polo xurado. A IV edición despedirase con Iván & Hadoum, unha longametraxe española de Ian de la Rosa na que se
mesturan o amor trans, a inmigración e o mundo do traballo.

