Continua vivo o proxecto «Agra: un barrio de coidados», desenvolto por Arquitectura Sen Fronteiras e o Mestrado Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria da UDC, coa colaboración municipal e cofinanciado pola Cooperación Galega. Un proxecto transversal, tan urbanístico como social, que pon a labor dos coidados e as redes vecioais de apoio como protagonista.
Esta fin de semana, o sábado 3 e o domingo 4 de outubro, de 12.00 a 20.00 horas en ambas as xornadas, o recentemente aberto Parque do Observatorio vivirá un fito da iniciativa coa Festa dos Coidados, unha iniciativa aberta á veciñanza na que haberá música, obradoiros, exposicións e actividades para compartir, crear e pensar colectivamente os coidados.
Con todo, a actividade central será a creación colectiva do mural de gran formato «Rede de coidados». A artista Laura Caneira, responsable do deseño, coordinará a realización da obra, froito do traballo desenvolvido polo alumnado da materia Xénero e Coidados do MOPS, a cargo de Antía Pérez, xunto con veciñas e veciños e coa colaboración de Laura Caneira e Arquitectura Sen Fronteiras. As historias compartidas polas persoas participantes serviron de inspiración para unha obra centrada nas redes comunitarias e de apoio mutuo existentes na Agra do Orzán.
O deseño recrea unha escena no propio parque na que aparecen persoas de diferentes idades e orixes que se abrazan, len, xogan cun papaventos ou se acompañan entre a vexetación. A creación da obra estará aberta á participación cidadá, polo que as persoas que se acheguen ao parque poderán colaborar na elaboración do mural ao longo das dúas xornadas.
Máis programa
A programación comezará o sábado ás 11.30 horas cunha presentación a cargo de Agra Barrio de Coidados e Mapa de Coidados, coa participación da veciñanza e de colectivos do barrio. Posteriormente, entre as 12.30 e as 14.00 horas, Silvia Penide ofrecerá un concerto acompañado dunha conversa co público.
Durante toda a fin de semana desenvolveranse tamén os obradoiros de bombas de sementes «Poñámonos Verdes», ademais de exposicións vinculadas ao proxecto e a Árbore dos Desexos, unha iniciativa a través da que as persoas participantes poderán expresar e compartir as súas propostas e desexos para o barrio.
Máis novas
ASF organiza un novo Seminario no marco do proxecto “Agra, Barrio de Coidados”

