O Concello da Coruña iniciou a fase final da reforma dos Cantóns, coa reorganización da zona para “facer máis cómodo o tránsito peonil e impulsar a mobilidade sostible”.
A actuación permitiu ampliar os carrís bici, crear novas áreas verdes e reducir a superficie asfaltada, dentro dun proxecto que busca reforzar o carácter peonil e accesible desta céntrica zona da cidade.
Nos vindeiros días levaranse a cabo os últimos traballos de pavimentación, actuacións no aparcadoiro e a instalación da sinalización semafórica e viaria, segundo informa o consistorio.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que esta actuación supón “darlle unha nova vida aos Cantóns, potenciando o seu carácter peonil e de punto de encontro de toda a cidade”.

