Intersección, o Festival Internacional de Cine da Coruña, deu a coñecer o palmarés da súa edición de 2026, celebrada do 13 ao 17 de outubro, na que The Reece, do cineasta Daniel Mann, obtivo o Premio do Xurado da Sección Internacional, a principal distinción do certame.
O festival entregou todos os seus galardóns durante a gala de clausura, celebrada na noite do sábado. O xurado internacional tamén recoñeceu Con permiso de la autoridad eclesiástica, de Jesús Lacorte, co Premio á Curtametraxe Española pola súa «aproximación luminosa e delicada ao dó». Ademais, este recoñecemento supón a cualificación da obra para os Premios Goya.
Pola súa banda, o xurado da Sección Galicia outorgoulle o premio a Moon Safari, de Hugo Amoedo, da que destacou a súa capacidade para abordar, «desde unha sinxeleza profundamente poética», a importancia das pequenas cousas. O xurado valorou a «autenticidade e emoción» dunha obra que reflexiona sobre o que significa medrar, cambiar e evolucionar.
Na sección Fulgor foi premiada Stallion and Crystal Ball, de Christian Avilés, unha «película coa capacidade sensorial de transportarnos a un soño febril e hipnótico, unha exploración queer da soidade adolescente, a espiritualidade e o desexo», segundo resume o festival.

