A Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condena a 14 anos de cárcere o home que matou a súa muller na avenida de Gran Canaria, na Coruña, en agosto de 2024. No apartado de feitos probados da sentenza, o maxistrado presidente sinala que “a convivencia do matrimonio levaba tempo deteriorada e iso como consecuencia, esencialmente, do trato vexatorio e denigrante que o acusado lle dispensou á súa dona, aínda que ela non o denunciara”.
O día dos feitos, segundo o fallo, cando a vítima se atopaba nunha situación de embriaguez e sen ser quen de erguerse do chan, “estrangulouna coas mans”. Na sentenza, o maxistrado presidente, tras analizar a motivación do veredicto e a proba pericial e testifical, entende que concorre dolo eventual e non imprudencia.
En concreto, condena o acusado como autor dun delito de homicidio, concorrendo as agravantes de xénero e de parentesco, a 13 anos de prisión, coa prohibición de residir no termo municipal da Coruña durante 21 anos e co sometemento a liberdade vixiada unha vez cumprida a pena. Ademais, impónselle un ano de prisión polo delito contra a integridade moral, concorrendo as agravantes de parentesco e de xénero e a atenuante de confesión, e 30 días de localización permanente polas vexacións, concorrendo a atenuante de confesión. A sentenza non é firme, pois pode ser recorrida perante o TSXG.

