Trala fin de semana de actividade comercial polos barrios arredor do Haloween, este domingo 1 de novembro, o cemiterio de Santo Amaro acolleu os actos municipais polo Día de Defuntos. Este ano, a tradicional ofrenda floral do Día de Todos os Santos estivo dedicada á mestra e pedagoga María Barbeito Cerviño, ao poeta Manuel Curros Enríquez e ao fundador da Sala Calvet e do Deportivo, Federico Fernández
Amor-Calvet.
O acto de homenaxe reuniu membros da Corporación municipal, familiares das persoas homenaxeadas, representantes da Real Academia Galega, da Fundación Curros Enríquez e do RC Deportivo, así como de outras institucións de referencia da cidade.
Antes dos discursos gardouse un minuto de silencio, diante da Cruz dos Esquecidos, polas vítimas do accidente ferroviario de Urda.
Ao inicio da cerimoniaa alcaldesa pediu gardar un minuto de silencio en recordo das vítimas do accidente ferroviario na provincia de Toledo. De seguido a comitiva realizou diferentes ofrendas nas sepulturas das figuras homenaxeadas e ante o Monumento aos Mortos pola Liberdade. A Coral Polifónica Follas Novas acompañou a cerimonia coa interpretación de “Xa non sei cantar” e “Signore delle cime”.

María Barbeito: 90 anos do inicio da súa depuración como mestra
María Barbeito foi clave na renovación pedagóxica e na defensa dos dereitos das mulleres, cando se cumpren 90 anos do golpe de Estado de 1936 e do inicio da represión franquista que truncou o seu labor docente. A alcaldesa lembrou a súa traxectoria como directora das Escolas da Guarda, introdutora do método Montessori en Galicia e membro da Real Academia Galega, e reivindicou a vixencia da súa defensa dun
ensino moderno, activo e igualitario.
A rexedora Inés Rey lembrou a chamada que a pedagoga realizou en 1934 na súa conferencia «La mujer antes, ahora y después»: “Atreveos a todo, dentro de vuestro derecho, mujeres; nada temáis”.
Curros Enríquez: 175 aniversario do seu nacemento
No 175 aniversario do nacemento de Curros Enríquez, cómpre destacar o seu compromiso coa liberdade e a xustiza social, así como o seu papel no impulso da Real Academia Galega, que este ano celebra 120 anos coa Coruña como sede desde a súa creación.
Lembrouse o recoñecemento que a cidade lle tributou en vida, coa súa coroación como poeta en 1904 no Teatro Principal, o actual Rosalía de Castro. Naquela homenaxe, Curros leu «Ao pobo cruñés», un poema no que agradeceu o afecto recibido e compartiu o recoñecemento co pobo galego.
Curros foi despedido o 2 de abril de 1908, con arredor de 40.000 mil persoas acompañándoo ao seu féretro ata San Amaro.
Federico Fernández Amor-Calvet: 120 anos da fundación do Deportivo
A coincidencia dos 120 anos da Real Academia Galega e do Deportivo serviu para reivindicar a Coruña de principios do século XX como un espazo de iniciativas culturais e sociais.
Calvet creou en 1901, hai 125 anos, a Sala Calvet na rúa da Galera, cun proxecto aberto e de vocación popular dedicado á educación física e á práctica deportiva. Daquel espazo xurdiu cinco anos despois o Club Deportivo da Sala Calvet, no que o fútbol acabaría ocupando un lugar central. A alcaldesa vinculou esta iniciativa cunha maneira de entender o deporte como instrumento de progreso social e destacou a súa evolución ata converterse nunha institución que forma parte da vida de xeracións de coruñeses e coruñesas.
A homenaxe permitiu tamén dar maior visibilidade á presenza dos restos de Calvet no cemiterio: “Tamén aquí, en San Amaro, repousa o xerme do noso Dépor. E, xunto a el, tantas persoas que contribuíron a configurar a identidade galega desde A Coruña”, sentenciou a rexedora.
Máis novas
Así fan barrio os comercios nos Mallos e Monte Alto polo Samaín

