Arrinca hoxe en varias localizacións da cidade, a primeira semana do FESTIGUAL – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade, que este ano alcanza a súa décima edición tras unha década convertendo a cidade nun espazo de referencia para celebrar a diversidade e garantir o acceso universal á cultura.
Impulsado pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña —co apoio de Reale Foundation, Vegalsa-Eroski, a Fundación María José Jove e a Deputación da Coruña—, o festival despregará entre o 4 e o 19 de novembro máis de dúas semanas de programación accesible e gratuíta en 32 espazos municipais, centros cívicos, bibliotecas e equipamentos culturais.
A gala inaugural Mulleres pola inclusión abrirá o calendario o mércores 4 de novembro ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro. Presentada por Leti da Taberna e Corina Alfonso, a cita reunirá sobre o escenario a Guadi Galego, Uxía, A banda da Loba e Chungo Pastel, que ofrecerán unha actuación única e colaborativa para recoñecer o talento feminino que formou parte da historia do festival desde os seus inicios.
O mesmo mércores 4 botarán a andar dúas das propostas itinerantes desta edición. Por un lado, o proxecto Un museo en movemento, da Asociación Amigos do Museo de Belas Artes, achegará a colección do museo a persoas con dificultades de desprazamento a través de experiencias de realidade virtual. Iniciarase no CC San Diego (11:00 h) e no CC Os Mallos (17:00 h), continuando o xoves 5 no CC Monte Alto (11:00 h).
Por outro lado, a obra Hamelín, de Fran Rei, iniciará o seu percorrido pola Rede de Bibliotecas Municipais na biblioteca do Fórum Metropolitano (18:00 h). A proposta dálle unha volta ao conto tradicional poñendo no centro a unha nena xorda como protagonista que non sucumbe ao son do frautista, abordando a diversidade a través do teatro. Adicionalmente, o Fórum Metropolitano acollerá do 4 ao 20 de novembro a exposición conmemorativa dos 10 anos de FESTIGUAL, que inclúe obras de Arte con Impacto e a intervención do proxecto Aquamatrix de AÏS o sábado 7.
O venres no Colón
A programación de fin de semana continuará o venres 6 de novembro no Teatro Colón (20:30 h) cunha noite de monólogos e humor a cargo de Marc Buxaderas e Oswaldo Digón. Buxaderas presentará Spasticity, unha peza que aborda con humor e sen paternalismos as situacións cotiás dunha persoa con parálise cerebral.
O sábado 7 de novembro, a actividade trasladarase ao Mercado de Monte Alto coa sesión vermú (13:00h) de de Freestyle a cargo de Poten100Mos, un espazo de improvisación e rap aberto á participación cidadá.
Pola noite (20:00 h), o Palacio da Ópera acollerá o concerto In Angustiis-Haydn da Orquestra Sinfónica de Galicia xunto co espectáculo Clownssics, dirixido por Fran Rei e coa participación de Con Eles, Clámide Teatro e Artefeito Producións, nunha fusión entre música clásica e clown.
O peche desta primeira semana terá lugar o domingo 8 de novembro no Teatro Rosalía de Castro (20:30 h) co espectáculo de danza contemporánea inclusiva On Time, da compañía Fritsch Company. Interprentada por bailaríns e bailarínas con e sen discapacidade, a obra afonda na relación co tempo e no xeito de compartilo a través de tres pezas creadas por Amaya Galeote, Maite Gámez e María Cabeza de Vaca.
Tendes toda a programación en www.festigual.gal

