O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta passada noite de mércores a gala ‘Mulleres pola inclusión’, o espectáculo co que arrancou oficialmente a X edición do Festigual, o Festival das Artes Inclusivas que organiza o Concello a través da Fundación Emalcsa. A proposta reuniu sobre o escenario a Guadi Galego, Uxía, A Banda da Loba e Chungo Pastel, nun concerto único concebido para celebrar unha década de compromiso coa cultura inclusiva.
Presentada por Leti da Taberna e Corina Alfonso, a gala serviu tamén como recoñecemento ao talento feminino que formou parte da historia do festival desde os seus inicios, con actuacións e colaboracións especiais creadas especificamente para esta edición conmemorativa.

Máis cultural Festigual
A programación de fin de semana continuará o venres 6 de novembro no Teatro Colón (20:30 h) cunha noite de monólogos e humor a cargo de Marc Buxaderas e Oswaldo Digón. Buxaderas presentará Spasticity, unha peza que aborda con humor e sen paternalismos as situacións cotiás dunha persoa con parálise cerebral.
O sábado 7 de novembro, a actividade trasladarase ao Mercado de Monte Alto coa sesión vermú (13:00h) de de Freestyle a cargo de Poten100Mos, un espazo de improvisación e rap aberto á participación cidadá.
Pola noite (20:00 h), o Palacio da Ópera acollerá o concerto In Angustiis-Haydn da Orquestra Sinfónica de Galicia xunto co espectáculo Clownssics, dirixido por Fran Rei e coa participación de Con Eles, Clámide Teatro e Artefeito Producións, nunha fusión entre música clásica e clown.
O peche desta primeira semana terá lugar o domingo 8 de novembro no Teatro Rosalía de Castro (20:30 h) co espectáculo de danza contemporánea inclusiva On Time, da compañía Fritsch Company. Interprentada por bailaríns e bailarínas con e sen discapacidade, a obra afonda na relación co tempo e no xeito de compartilo a través de tres pezas creadas por Amaya Galeote, Maite Gámez e María Cabeza de Vaca.
Tendes toda a programación en www.festigual.gal

