Esta mañá un grupo de representantes da Fronte Ampla, realizaron unha acción diante do Banco Santander na Coruña. A mobilización consistiu nunha concentración na que sostiveron carteis baixo o lema “Taxa ao rico”, sumándose á recente proposta impulsada por Ada Colau.
Paulo Carlos López, portavoz de Fronte Ampla, Trinidad Palacios, segunda candidata ao Congreso pola Coruña, e Juanjo Gallego López, tamén candidato ao Congreso pola Coruña, queren levar ao debate público a necesidade urxente de reformar o sistema impositivo para que as grandes fortunas e as corporacións con beneficios extraordinarios acheguen máis ás arcas públicas.
A iniciativa “Taxa ao rico”, “unha proposta económica, redistributiva, clara e xusta”, tal e como a describiu o portavoz, ten como obxectivo establecer unha taxa ás grandes fortunas e ás rendas máis altas para redistribuír a riqueza, reforzar os servizos públicos fundamentais e afrontar o incremento do custo da vida que padece a maioría social.
Concretamente, a proposta fixa un imposto directo do 2% para os patrimonios superiores a 1 millón de euros e do 3% para as fortunas de máis de 50 millóns. A nivel empresarial, inclúe unha subida do imposto de sociedades á banca ata o 40% sobre a base impoñible, incrementando a porcentaxe sobre o seu beneficio neto para poñer fin aos beneficios extraordinarios do sector financeiro.
Aterrando a medida en Galicia, tal e como explicou López, esta taxa afectaría a unhas 10.000 persoas físicas e permitiría recadar 415 millóns de euros anuais.
“Unha contía equivalente a todo o orzamento da Xunta de Galicia destinado a I+D+i e que permitiría financiar a construción de 200.000 vivendas de protección oficial no país” , destacou o portavoz.

