Importante (haberá que ver se se traduce en feitos) o acordo ao que chegaron esta mañá os tres grupos municipais no pleno de novembro do Concello da Coruña. Despois das cuesións presentadas polo goberno socialista, entre as que >se aprobaron varios modificativos de crédito, aproveitando para anunciar a conxelación de taxas e impostos municipais, o BNG presentaba unha moción relativa á situación de varias familias na cidade afectadas pola especulación dos fondos de investimento.
Un asunto que reflicte á perfección a situación da vivenda, e que demostra os porqués da saída da veciñanza á rúa co gallo da folga xeral deste 11N.
Falamos de 50 familias afectadas pola compra de 8 edificios por parte de diversos fondos de investimento nos barrios dos Mallos, Agra do Orza, Cidade Vella e Monte Alto. Unha realidade da que seguro que se van coñecendo máis casos, pero ante a que a veciñanza moitas veces se sinte demasiado orfa como para alzar a voz.
Falamos de familias que un bo día reciben un burofax conforme teñen que abandonar os seus pisos de alugueiro en apenas dous meses, lanzando ameazas que deberían ser ilegais, como describíu a voceira e candidata á alcaldía do BNG Avia Veira.
“Os fondos de investimento comezan a xogar coa Coruña ao monopoly, mercando e vendendo edificios como se a vivenda fose unha mercadoría e non un dereito fundamental das veciñas e veciños”, denunciou Veira, que pediu o apoio de catro puntos: O primeiro, mostrar o apoio da Corporación a esas 50 familias. O segundo, ofrecerlles asesoramento desde a Oficina de Vivenda de Emvsa, oficina creada a instancias do BNG. O terceiro, esixirlle á Xunta que faga cumprir a normativa da zona de mercado residencial tensionado. E a cuarta, instar o Goberno Local a exercer a vixilancia do deber de conservación do fondo propietario dos edificios para garantir a súa habitabilidade, ben como tamén sancionar no caso de non estar a cumprir con esa obriga.
A importancia da Zona Tensionada
Tomou a palabra a concelleira de Servizos Sociais, Nereida Canosa, que coñece a situación moi de preto por xente do seu arredor. “A Coruña foi a primeira cidade que conseguiu a declaración de Zona Tensionada”, e puxo en valor que gracias a esa nova normativa, os inquilinos de varios destes edificios, ao teren contratos asinados despois de 2023 poden pedir unha prórroga de ata 3 anos, cando de non estarmos en zona tensionada en dous meses poderían ser desafiuzados”.
”A Zona Tensionada ofrece tempo,e conta con 17 medidas, pero tamén necesitamos os 7M que o estado manda para as Zonas de Mercado Tensionado, cartos que seguen en San Caetano”, lembrou Canosa mandando unha mensaxe á Xunta.
Lembrou tamén que a cidade conta con “máis de 7.000 demandantes de vivenda que non poden agardar a que se levanten un novo edificio”.
Aparcadoiro da Intermodal
Tamén se falou do xa famoso Aparcadoiro da intermodal, trala alarma xerada na prensa ante a hipotética renuncia do goberno municipal a xestionar 70 prazas de aparcamento que se poderían conceder á veciñanza afectada polas obras. Foi o BNG o que lanzou a moción, aproveitando o PP para denunciar o que entende como “fracaso en materia de mobilidade”, por non ter rebatido ao goberno central polos retrasos da Intermodal e de Alfonso Molina.
Lage Tuñas asegurou que o Concello non renunciou á xestión desas 70 prazas, e que de feito “non están en discusión”. “Pero nós dixemos que recepcionaríamos o aparcamento se executou conforme ao proxecto”, sinalou asegurando que o asunto “leva meses paralizado por unha controversia entre a Xunta e o Goberno”. Aproveitou para deixar entrever que a Xunta non ten abonado medio millón de euros a empresas que traballaron na Intermodal, inaugurada o 3 de novembro, e instou ás dúas administracións a poñerse dacordo e ver se as obras se completaron conforme ao proxecto redactado para que o Concello acepte recepcionar o aparcamento.
Máis novas
O goberno local da Coruña manterá a conxelación de taxas e tributos o próximo ano
(Vídeos) – Histórica manifestación na Coruña pola vivenda con máis de 30.000 persoas nas rúas

