O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento un feixe de emendas parciais ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2027 co propósito de o Goberno Galego destinar 217 millóns de euros máis á nosa cidade e á súa comarca: 116 para A Coruña e 111 para a súa contorna.
As emendas presentáronas esta mañá, en conferencia de prensa, as nosas deputadas Mercedes Queixas e Iria Taibo. “O proxecto de orzamentos é pura propaganda” , denuncian, criticando que o investimento da Xunta non se nota nin en vivenda, nin en educación, nin en sanidade, nin en atención aos maiores e dependentes, nin na mellora da mobilidade metropolitana, nin en investimento cultural”. “O PP non traballa para mellorar o ben común e os servizos públicos. Traballa para enredar con propaganda. A súa preocupación este ano foi gastar 3,5 millóns de euros na plataforma de baño do Parrote”, recapitulou.
Así, o BNG rexistrou por volta de 20 emendas parciais, cun valor total de perto de 116 millóns de euros, visando “compensar o desequilibrio e o atraso ao que o PP condena A Coruña desde hai 17 anos”.
Queixas puxo en destaque as seguintes emendas:
- 1.- Recuperar o orzamento comprometido para o CHUAC. No proxecto para 2027 figuran só 54,1 millóns de euros, cando a cantidade que estaba prevista na programación plurianual era de 100,1. Xustamente ese é o valor que aparece na nosa emenda.
- 2.- 2,6 millóns de euros para reforzar os recursos profesionais e materiais dos centros de saúde da cidade.
- 3.-20 millóns de euros para o impulso á creación dun parque de vivenda pública na Coruña.
- 4.-3,5 millóns de euros para a construción dunha escola infantil 0-3 e unha residencia pública de coidado de maiores.
- 5.- 1 millón de euros para a planificación educativa escolar nas novas zonas de urbanización da cidade como San Pedro de Visma e Xuxán-Monte Mero.
- 6.-10 millóns de euros para a actuación en varios CEIP da cidade: CEIP Cidade Vella, CEIP de Prácticas…
- 7.-2 millóns de euros para a creación dun refuxio climático no Parque do Observatorio do barrio da Agra do Orzán ou o Corredor verde no curso do río Mesoiro-Monelos.
- 8.-500 mil euros para recuperar a partida desaparecida para crear un albergue de peregrinos que axude a pór en valor o Camiño Inglés.
- 9.- 1,5 millóns de euros para a conservación dos murais de Lugrís da rúa Olmos, a amortización da débeda da Xunta de 5M de euros que ten coa Orquestra Sinfónica de Galiza ou a colaboración no deseño dun plan de posta en valor do legado de Luís Seoane.
Nas súas emendas a nivel comarcal, o BNG propón dotar con máis fondos a Vía Ártabra -a conexión coa A6 é crucial para o Bloque- e aumentar a dotación destinada ao transporte metropolitano.

