A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou como procedente o despedimento disciplinario dun traballador da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, que exercía como representante legal dos traballadores e líder do Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), tras cometer “graves” infraccións durante unha folga celebrada en 2024. Deste xeito, o TSXG desestima o recurso de suplicación presentado polo empregado, ao entender que “a empresa puxo de manifesto razóns obxectivas, alleas e suficientes para xustificar a decisión” do despedimento.
Na sentenza, o tribunal considera acreditadas dúas infraccións laborais de especial gravidade. Por unha banda, destaca que o traballador accedeu e transitou durante tres noites consecutivas, os días 24, 25 e 26 de xuño de 2024, por unha zona de circulación de camións sen levar os elementos reflectantes obrigatorios, malia ser presidente do comité de empresa e delegado de prevención. A Sala cualifica esta conduta de “comportamento moi perigoso, reiterado varias noites” e aprecia un “risco efectivo de que se puidese producir un accidente”. Os maxistrados consideran que “este incumprimento das normas de seguridade habilita, por si só, para declarar procedente o despedimento”.
PRESIÓNS A UN COMPAÑEIRO PARA QUE REDUCISE O RITMO E PROVOCASE UNHA AVARÍA
A segunda infracción cometida, segundo o tribunal, foi que o traballador presionou un compañeiro que non secundaba a folga para que “fixese a súa ruta máis amodo, cunha actitude pasiva e mesmo provocase unha avaría no camión”. Para a Sala, estas instrucións son “incompatibles coa boa fe contractual” e supoñen unha vulneración especialmente grave da confianza e lealdade esixibles na relación laboral, sobre todo tendo en conta o cargo de representación que ocupaba. O tribunal conclúe que “dar instrucións para boicotar a actividade empresarial a outro compañeiro” xustifica, á súa vez, a sanción de despedimento.
A GRAVACIÓN CUESTIONADA POLA DEFENSA NON INVALIDA O DESPEDIMENTO
A resolución aborda tamén unha gravación achegada ao procedemento cuxa obtención foi cuestionada pola defensa do traballador por unha posible vulneración de dereitos fundamentais. Ao respecto, os maxistrados lembran que “a ilicitude dun medio de proba determina a súa exclusión do proceso, pero non implica automaticamente a nulidade do despedimento”. Neste caso, o tribunal considera que existen outras evidencias independentes que acreditan os incumprimentos, polo que confirma a procedencia do despedimento disciplinario. Con todo, a sentenza non é firme, xa que aínda pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

