A “lagoa” de Fonteculler é unha pequena acumulación de auga creada de forma artificial no paseo da ría do Burgo. Este espazo, que máis ben debería chamarse estanque de Fonteculler, foi construído nos anos 90 ao tempo que o paseo marítimo. Anteriormente, a costa facía neste lugar unha pequena baía moi pronunciada, feito aproveitado para construír o paseo sobre uns diques que a pechaban.
A pesar de ser unha acumulación de auga artificial sen moito sentido, hoxe en día é utilizada por moitas aves para alimentarse e conserva valores ambientais no litoral de Culleredo.

A situación actual desta “lagoa” é mala xa que entrada e saída da auga da marea faise a través dunhas comportas que se atopan debaixo dunha pasarela de madeira. Unha pasarela que leva varios meses pechada debido ao deterioro sufrido ao longo do tempo, impedindo ademais a libre circulación de animais mariños.
Así, aproveitando as obras de reparación da pasarela para executar accións encamiñadas á renaturalización efectiva este entorno tan humanizado, a delegación de ADEGA na Coruña pide eliminar as comportas da “lagoa” de Fonteculler, no paseo da ría do Burgo, “para que recupere a súa dinámica mareal”.
Para ADEGA, “a apertura da lagoa supoñería un primeiro paso na renaturalización da contorna e melloraría a conectividade ecolóxica”. I é que “a ría do Burgo nunca tivo tan pouca superficie como na actualidade. Tanto as obras de dragado, como a construción dos paseos marítimos fixeron que xa non exista na actualidade ningunha zona virxe de ribeira. A desaparición de hábitat mariño é a principal causa de deterioro dos ecosistemas litorais, despois incluso da contaminación por verteduras”.


