A Fiscalía Provincial da Coruña abriu de oficio dilixencias de investigación tras os falsos avisos de bomba recibidos en varios centros escolares da comunidade galega. Segundo explicou o Ministerio Fiscal nun comunicado, o obxectivo é recompilar a información dispoñible e analizala conxuntamente, para identificar quen está detrás destas ameazas.
O mércores e o xoves, axentes da Policía Nacional e da Garda Civil realizaron desaloxos e inspeccións por mor dos falsos avisos de bomba, que chegaron a uns 80 centros galegos de xeito practicamente simultáneo ao mediodía a través do correo electrónico das direccións dos centros.
A incidencia destes falsos avisos foi especialmente alta na Coruña, onde os axentes policiais contabilizaron ata 31 centros evacuados por este motivo.
(VÍDEO): Desaloxan varios colexios da Coruña tras recibiren sendas falsas ameazas de bomba

