Jorge S. Peteiro Vázquez creou a peza escultórica para instalala en 1998 na Enseada do Lago Morto, como conmemoración da apertura do Aquarium Finisterrae. A escultura é unha imaxe moi ligada ao acuario coruñés e forma parte do patrimonio artístico contemporáneo integrado no espazo público do municipio. Tras 3 décadas sen retocar, exposta a unha contorna litoral moi agresiva, faise necesaria a revisión das pezas para mellorar o seu estado.
Así, o Concello da Coruña anunciou que investirá 15.000 euros na rehabilitación da escultura catavento ‘Pisces Bicaudatus’, situada no paseo marítimo da cidade. Así mesmo, tamén está contemplada a reconstrución integral do mecanismo giratorio e de apoio da peza. Está previsto que o proceso finalice no mes de decembro.
Tal e como explicou o Goberno local en nota de prensa, o proceso de restauración consistirá no tratamento e coidado da estrutura da escultura, que se realizará nun taller especializado.
O proxecto de rehabilitación integral permitirá deter os procesos de degradación, recuperar a estabilidade material e funcional da peza, corrixir as patoloxías existentes e garantir a súa preservación no futuro.
Ademais, confirmou que os traballos concluirán coa reinstalación definitiva no seu emprazamento orixinal. A maiores, procederase á reconstrución estrutural da cubrición de formigón destinada á protección do sistema de ancoraxe.

