O PSOE de Arteixo acusou o tenente de alcalde do Concello e responsable de Seguridade Cidadá, José María Sánchez Novo, de “manipular o voto”, e adianta que presentará denuncia ante a Garda Civil, mentres que o edil anuncia, á súa vez, outra por supostas “calumnias”.
E é que nun vídeo que os socialistas difundiron polas redes sociais vese o edil cando lle di a un home maior “isto debe ser seu” e lle entrega o sobre do Senado. A outra persoa pregúntalle “puxécheste as cruces porque se non a levas en branco”, ao que a primeira replica que si e nese momento vese como o concelleiro garda no sobre a papeleta que lle dá esta persoa.
A través das redes sociais, o PP de Arteixo, ante o que cualifica como distribución por parte dos socialistas dun vídeo “con información falsa”, adianta que o edil presentou denuncia contra o PSOE “por calumnias e pola difusión de vídeos con información falsa nas redes”. “A denuncia ante as forzas de seguridade está apoiada polas declaracións da propia persoa que aparece no vídeo, pedindo axuda ao concelleiro, xa que debido a problemas físicos de mobilidade nas mans non conseguía meter as papeletas nos sobres”, engade.
Isto para indicar que a escena foi presenciada “por máis persoas que estaban no centro cívico e testemuñan que non houbo mala práctica”. Desde o goberno municipal súmanse tamén ás críticas. Pola súa banda, os socialistas cualifican de “moi grave o comportamento do tenente de alcalde, manipulando o voto da cidadanía con todo o descaro”.

