Moi completa se presenta esta Semana Santa na cidade herculina, con variedade de actividades e moitas cousas para facer en familia.
Castro de Elviña
Xa está aberto o prazo de inscrición nas visitas guiadas ao Castro de Elviña que terán lugar esta fin de semana, o sábado 8 e o domingo 9, ás 12.00 horas. A oferta dispoñible é de 25 prazas para cada quenda, e as solicitudes de praza para gozar desta actividade divulgativa, que se levará a cabo como un percorrido histórico-patrimonial polo xacemento, poden tramitarse a través do número de teléfono 981 189 850.
Os Museos Científicos Coruñeses, abertos toda a Semana Santa
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abrirán todos os días da Semana Santa, de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e a Domus.
No caso da Casa das Ciencias, continúa a mostra ‘A través do James Webb’, que abrangue unha espectacular colección de imaxes do universo recollidas polo telescopio espacial James Webb.
Por outra banda, ata o luns 10 de abril haberá catro sesións diarias de planetario:
- 11.30: ‘Dinosauros’ (en galego).
- 13.00: ‘La niña que sabía caminar al revés’ (en castelán).
- 17.00: ‘Polaris’ (en galego).
- 18.00: ‘La noche es necesaria’ (en castelán).
Ademais, a Domus abrirá as súas portas para ofrecer numerosas experiencias interactivas vencelladas coa nutrición e a evolución humana, ademais do novo módulo do parto.
A maiores, no Aquarium Finisterrae poderase asistir a diario, ás 12.00 e 17.00 horas, aos traballos de alimentación das focas, nas piscinas exteriores. O público tamén poderá descubrir as máis de 300 especies que viven nos tanques do acuario, ademais de deleitarse coas exposicións ‘Cru: memoria do Mar Exeo’ e ‘Avistamentos atlánticos’.
Exposicións culturais no Quiosco Alfonso e o Palexco
No Quiosco Alfonso, e ata o vindeiro día 28 de maio, a mostra ‘En Pretérito Seguinte’ compila a mellor selección de arte contemporánea a través das obras de seis artistas coruñeses: Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pilar Cancio e Samuel Castro.
Mentres, na sala municipal de exposicións do Palexco, e ata o día 21 de maio, a exposición ‘Villalobo. O vento comezou de novo’, do cubano Nelson Villalobo, réndelle homenaxe a Pablo Picasso e á súa influencia artística. Villalobo é un pintor de influencias que representa nas súas obras moitos elementos aparentemente inconexos que nunca deixan indiferentes pola súa cor e simboloxía.
Museo de Belas Artes
O Museo de Belas Artes acolle varios Obradoiros sobre Picasso os días 15, 22 e 29 de abril para nenos e nenas de 4 a 10 anos.
Procesións
Se cadra vos topastes coas procesións do Domingo de Ramos. Son 13 en total as procesións que organiza a Xunta de Confrarías.