A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) demandou máis medios humanos e materiais para o servizo de raios de urxencias.
Fíxoo a través dun comunicado e con motivo dunha nova concentración convocada este xoves a partir das 14,40 horas ante este servizo para pedir medios que permitan unha asistencia “en condicións adecuadas”.
En concreto, explica que se necesitan dous celadores, un na quenda de mañá e outro no de tarde, e asegura que non hai escaseza de profesionais nesta categoría.
“O que nos atopamos é unha ausencia de investimento en recursos humanos”, denuncia. Ademais, sostén que falta “renovación de equipos” e reclama medidas á xerencia da área sanitaria.
A Anpa do Conservatorio de Culleredo organizou este xoves unha protesta diante do conservatorio para reclamar a cobertura urxente de prazas do profesorado que está de baixa desde hai meses e que impide o correcto funcionamento dos distintos cursos.
Á concentración, ademais de membros da Anpa sumouse alumnado e veciñanza baixo unha gran pancarta na que pedían “profesorado para o conservatorio xa”.
Posición municipal
Dende o Concello aseguran que informaron ás familias os trámites necesarios, e que a “o procedemento para cubrir a baixa dun profesor dun Conservatorio está regulado pola lexislación, tendo que recorrer ás listas de substitución”. Dende o Concello sinalan que “as listas están actualizadas xa que datan de maio de 2022, e os catro profesores que o integran non admiten substitucións, como lles corresponde, e a administración non pode obrigalas”.
Deste xeito, a concelleira de Persoal, Marta Figueroa, afirma que “o Concello de Culleredo ou calquera outra administración non pode eludir a lexislación e incorporar directamente un profesor fóra destas listas de substitución, cuxa formación é un proceso administrativo regrado”.
Así mesmo, o goberno municipal de Culleredo rexeita calquera proposta de privatización, apostando polo servizo público ao cidadán.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu un xuízo contra o propietario dun prostíbulo situado no municipio coruñés de Sada, por un delito contra os dereitos dos traballadores, debido á folga indefinida dos letrados da Administración de Xustiza.
Así o confirmaron fontes xudiciais consultadas por Europa Press, en relación a unha vista fixada para este xoves no citado tribunal.
O Ministerio Público sostén que o acusado contaba con 13 mulleres empregadas para o exercicio da prostitución sen estar dadas de alta como camareiras de alterne e solicita para o suposto proxeneta unha pena de tres anos de cárcere e unha multa de 6.750 euros.
Segundo recolle o escrito de acusación de Fiscalía, unha inspección realizada na madrugada do 21 de xuño de 2019 neste local comprobou que neste negocio dedicado á prostitución exercían 13 mulleres sen estar dadas de alta como camareiras de alterne. Tres destas carecían de permiso de residencia en España.
O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura de Xaime Cabanas , unha das grandes iconas da cidade, cunha gran exposición distribuída no Quiosco Alfonso e Palexco, e diversas actividades paralelas, coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento.
A exposición desenvólvese coincidindo co décimo aniversario do repentino falecemento de Cabanas,e cando debería ter cumprido 70 anos de idade e 22 anos despois da súa última mostra na súa cidade. Precisamente, durante a presentación destes actos, Inés Rey subliñou que o pintor coruñés sempre entendeu a cultura como un valor de cohesión social, fundamentalmente a través da súa ligazón coa Coruña e coa súa predilección polo cotián, que reinterpretaba cunha visión moi persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.
“Autodidacta, irreverente, mordaz, bohemio, universal, libre. Todo iso era Xaime Cabanas, pero eu só diría que era de Monte Alto”, resumiu a alcaldesa para referirse ao artista, un dos principais protagonistas da renovación das artes plásticas en Galicia, para engadir que “falar de Cabanas é falar dos principais grupos artísticos e intelectuais galegos, como Sisga, A Carón, Galga, Atlántica, GrupOrzán, pero tamén é falar de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán, da noite coruñesa, do Patacón, do Taller, do Bravú, do Dépor; porque falar de Cabanas é falar da Coruña”.
Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, “MMXXIII Cabanas” é unha das grandes exposicións deste ano na Coruña. O corpus de obra está formado por cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e principalmente do legado familiar. Son aproximadamente noventa obras de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia, xa que se poden contemplar un total de 124 destas pequenas pezas.
MOSTRA
Integrada na mostra hai unha exposición fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron os fotógrafos Juan Rodríguez, Xoan Piñón, Xurxo Lobato e Vari Caramés. Tamén hai previstas varias actividades complementarias. Así, hai programadas seis visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Quiosco Alfonso e con 25 prazas ata completar capacidade, sen inscrición previa. Ademais, haberá outras dez visitas para grupos concertados, en diferentes horarios de martes a venres, e con reservas a través do correo ludidactica@gmail.com.
Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo
Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro, ás 12.00 horas en Palexco, desenvolveranse obradoiros en familia, con previa reserva en ludidactica@gmail.com e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as “Orzanas”, o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materais caseiros.
Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e de Diversidade Funcional, denominado Criptotrazos, concebido como resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais derivados da obra de Xaime Cabanas, capaz de adaptarse con material específico aos diferentes grupos e idades, onde o compoñente lúdico é sempre protagonista. Para participar hai que reservar tamén no correo ludidactica@gmail.com.
CORUÑÉS DE CABEZA, DE CORAZÓN E DE ARTE
De formación autodidacta, como a maior parte de artistas da súa xeración, xa desde os anos setenta o seu nome agroma na revolta cultural que se adiviña na cidade da Coruña. A Sisga, A Carón e A Galga, nomes case míticos de entusiasmo de vangarda e unha forma especial de vivir de maneira alternativa, asoman na primeira etapa da súa biografía artística, grupos nos que participa con outros creadores para construír o grupo da Coruña que, con Mon Vasco á cabeza, acabarían desenvocando en Atlántica, onde se xuntarían co grupo de Vigo, con Guillermo Monroy como un dos seus líderes.
Como moitos dos seus compañeiros de xeración e de propostas creativas, a obra de Cabanas dirixirase polos vieiros do expresionismo americano de camiño a un conceptualismo abstracto que non refuga, sen embargo, de botar man da figuración cando a obra o require. O bravú recoñeceuno como o seu artista de cabeceira e poucos conceptos poden explicar mellor a súa maneira de estar no mundo. Bravú cunha forza creadora sen barreiras.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto final da quinta edición do programa ‘Sementando Participación”‘ que levou a cabo este mércores no centro sociocultural Ágora. A rexedora estivo acompañada polos concelleiros e concelleiros do seu equipo de goberno.
“Este programa de participación infantil naceu coa intención de darvos un espazo propio a vós, nenos e nenas da Coruña, para que expresedes as vosas ideas, opinións e propostas para esta cidade”, sinalou a alcaldesa.
O programa ‘Sementando participación‘ cumpre cinco anos e, con esta edición, na que participaron case 300 nenos e nenas, supérase o milleiro de participantes. O seu obxectivo é xerar un proceso de participación infantil para que as e os menores e adolescentes coñezan e practiquen técnicas, ferramentas e habilidades para a participación cívica.
A CIG denunciou o despedimento “fulminante e sen causa xustificada” do Club do Mar da Coruña a cinco traballadores e traballadoras do servizo de recepción e técnico deportivo, así como a modificación “substancial” das condicións laborais para o persoal de mantemento.
Nun comunicado, o sindicato explica que esta decisión supón “profundar na política de despedimentos e acoso que está a realizar a Xunta Directiva desta entidade desde que foi elixida hai ano e medio”.
A nova dirección, engade, tiña como obxectivo “reflotar” o Club do Mar pero ao longo destes meses fóronse sucedendo despedimentos, “algúns deles declarados improcedentes nos xulgados”, cunha política laboral de “acoso e derriba” contra o persoal e un uso “retorto” do regulamento do convenio colectivo.
Segundo o responsable de Deportes da CIG, Rubén Duruelo, “chama a atención” que estas rescisións se producisen “ao pouco de que o Concello da Coruña ingresase os 90.000 euros acordados coa entidade para a xestión da piscina que agora se irán nas indemnizacións a este cinco compañeiros”.
Ante esta situación, o comité solicitou unha reunión á Xunta Directiva do club. Anuncia, ademais, que convocará unha asemblea de traballadoras e traballadores para acordar as accións a desenvolver para esixir a readmisión do persoal despedido, garantías de continuidade do emprego e das condicións laborais, “sen descartar ningunha medida de presión”.
O Coruño non xurdiu como elemento lúdico, de risas, para fornecer leitmotivs a monologuistas ou dicionarios de curiosidades. O Coruño, entre os adolescentes, era unha marca de prestixio social. Se falabas Coruño eras parte da colectividade, un máis, se non o falabas eras un miguel, un miguelón, un julai ou un julandrón, é dicir, alguén que non contaba, como un neno pequeno, un churumbel ou chinorro, ou unha persoa maior, un puril ou purila. Se non te expresabas en Coruño, e peor se non o entendías, e xa cumpriras os trece ou catorce, expúñaste a que te vacilasen continuamente ou a que che desen o palo (atracasen) con maior frecuencia da habitual.
Evidentemente a importancia de burlar (coñecer) o Coruño tamén dependía do barrio no que vivises, consecuencia da túa extracción social. Por exemplo, un habitante da Safa (da Sagrada Familia), precisaba o Coruño máis que o comer, un que vivise en Durán Loriga ou na Dársena e estudase nun colexio privado non se tiña que preocupar demasiado, cundíalle (prestáballe) máis aprender inglés.
Do mesmo xeito, dentro do submundo da adolescencia, os que con máis soltura e en máis ámbitos empregaban o Coruño eran os que máis prestixio e poder posuían, os que movían peña, os kíes ou kís, polo xeral vencellados con xefazos de barrio, de gueto, ou con camelos veteranos. Falábano acotío na rúa ou con outros adolescentes, pero tamén cos puriles (aquí coa dobre acepción de pais e de xente maior), cos profesores na escola (cando non lles cadraba latar) ou, os que ían deixando os estudos, no mesmo choio (costume que moitos conservan aínda de puretas).
De feito se te topabas con alguén que pronunciase de xeito natural algún deses trabalinguas coruños que arestora pululan pola rede (como Achanta la mu que vas acabar pillando julai), sobre todo se o facía con voz grave e ollada torva, xa podías najarte (liscar), porque no caso de que non che chorase (roubase) nese preciso intre (oyes neno, dame unha libra, es pa pillar), ante calquera falta de respecto pola túa parte, aínda involuntaria, como por exemplo se algo che facía gracia e te junaba marándote (te vía ríndote), el podería chinarse e cusmarte (anoxarse e zoscarte), e ti rematarías cun piño (dente) roto, ou cun skai (ollo) morado. E se safabas e te amañabas para fuxir fostiado, ben podías rilarte (andar con tino) durante semanas polo barrio, porque te perseguirían ata percharte (pillarte) e mallar en ti.
É importante sinalar unha vez máis que en todo este substrato coruñofalante só contaban os adolescentes. Por exemplo, se che viñan dar o palo uns kinitos, mesmo podían ser oito ou dez ben medrados, que abondaba que che valesen un señor ou unha señora con xenio para achantalos (escorrentalos). Había quen saía á rúa cos seus puriles, e se pipeaba (vía) algún notas (persoa da súa idade e status), arredábase deles como se tivesen a lepra, e non só polo temor a ser catalogado como miguel, senón porque lle daba palo (lle daba vergoña) e así o tiña interiorizado, aínda que os que o visen soubesen perfectamente quen eran seus pais, pois levaban quince anos vivindo na mesma rúa, e malia que os pais fosen persoas amables, honradas e ben consideradas, sen a máis mínima mingua na súa reputación.
Do mesmo xeito, e aínda que tamén había rapazas kíes, existía unha sorte de código non escrito que funcionaba como barreira entre sexos. Por exemplo, os rapaces acostumaban dar o palo aos rapaces e as rapazas ás rapazas. Se había bulla tamén se respectaba unha separación por sexos. Se eras un kíe e unha chorba lle dera unha galleta (sopapo) á túa já (noiva, muller en xeral), ti, aínda que te tiveses zoscado con media Coruña, non facías nel (nada), agardabas a que actuase a peña, só feminina, que movese a túa já, ou as chorbas do teu barrio. Porén, sempre te mantiñas alerta por se interviñan rapaces ou noivos ou se mediaba algunha falta de respecto cara a ti. E entón si descargabas todo o teu poder, e convocabas nunha praza un tropel de cincuenta ou cen colegas armados con maripas (navallas de bolboreta) e bates de béisbol con cristais incrustados, e marchabas a cobrarte vinganza así fose contra un barrio enteiro.
P.S.: Calquera suxestión ou valoración por favor empréguese a caixa de comentarios.
Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.
O vindeiro martes 21 de febreiro terá lugar unha xornada de “Básquet na rúa” promovida por o Club Baloncesto Coruña S.A.D. e coa intención de que todos eses nenos e rapazas da nosa cidade que así o desexen.
Trátase dunha actividade de baloncesto aberta a todo o mundo, na que haberá competicións tiro, 3×3, concurso de habilidades, xogos e tamén contará coa presenza dos xogadores do primeiro equipo do Leyma Coruña.
A conferencia terá lugar na Praza de San Pablo de 16:30 a 19:00 horas.
Dende o club explican: “A elección do A praza de San Pablo como enclave desta actividade xa estaba prevista dende hai semanas, pero cos últimos acontecementos acontecidos a pasada fin de semana, dende o Club cremos que máis razón aínda deberiamos desenvolver alí a actividade. Queremos que a nosa cidade, e concretamente prazas coma esta, sexa un lugar seguro para os nenos e mozos da nosa cidade poden practicar e gozar do deporte sen medo”.
Para participar non é necesario apuntarse, só tes que ir ata a Praza de San Pablo con roupa deportivo e con ganas de pasalo ben.
A Coruña acollerá o 3 de marzo a XIV edición do Congreso ‘O Que De verdade Importa’ con tres historias de solidariedade, esperanza e superación a través dos testemuños de Ousman Umar e Arantxa Martínez, premios Princesa de Xirona, e de Albert Espinosa, creador de sériea ‘Pulseiras vermellas‘.
Desde as 9,30 ata as 14,00 transcorrerá en Palexco este encontro gratuíto que, dunha forma amena e participativa, pretende achegar aos novos valores humanos universais como a tolerancia, a superación, o respecto e a solidariedade a través de historias de vida exemplares e inspiradoras.
A inscrición para acudir ao congreso, do que a coruñesa Felipa Jove é presidenta de honra, xa está aberta na páxina web da Fundación O que de verdade importa (LQDVI). De todos os xeitos, a organización lembra que mozas e maiores de todas partes poderán seguir o evento desde os seus centros educativos e casas, xa que se emitirá vía ‘streaming’.
ALBERT ESPINOSA E OUSMAN UMAR
O primeiro protagonista deste congreso será o escritor, guionista, actor e director de cinema Albert Espinosa que, con 13 anos, foi diagnosticado cun cancro que lle fixo pasar dez anos en hospitais durante a súa mocidade.
Esta experiencia vital inspiroulle para crear os seus traballos máis exitosos, como o guión de sériea “Pulseiras Vermellas”, onde narra a historia dun grupo de adolescentes que coinciden nun hospital por mor das súas enfermidades e fala do valor da amizade, as ganas de vivir e o afán de superación.
Ousman Umar será outro dos testemuños que farán reflexionar aos asistentes sobre “as cousas que de verdade importan”. Nacido en Ghana, chegou a Europa con 17 anos. Tras unha durísima viaxe durante 5 anos nos que cruzou o deserto do Sahara ata chegar a Libia, puido aforrar para coller unha patera chegar finalmente a España.
Xa está case listo o novo tramo de 300 metros de carril bici e para patinete na Avenida de Fisterra. Tramo que vai, en sentido subida, desde o paseo das Pontes ata a rúa Jorge Borrow, preto da Ronda de Nelle, onde pode ligar co xa presente, e pendente da posible pero complicada ampliación ata a Ronda de Outeiro.
A instalación non afecta ao número de prazas de aparcamento gracias ao axuste das actuais, fomentando asío uso do servizo municipal BiciCoruña conta xa con 32 estacións, e que conta con máis de 6.000 usuarios.
50 km: Nominación aos premios Bikefriendly 2023
Son máis de 50km os km de carrilbici ou carrís ciclables para bici o patinete por onde os vehículos non poden pasar de 30km/h.
Unha cifra que lle permite á cidade estar entre as cidades finalistas dos premios Bikefriendly 2023, cuxa gala final será o 2 de marzo en Sevilla e que entrega a asociación Ciudades por la Bicicleta. Coruña está nominada na categoría de Aceleración, que distingue o traballo levado a cabo nos dous últimos anos para acelerar o desenvolvemento e implementación de medidas para promover o uso da bicicleta no seu territorio.