Inicio Blog Páxina 820

A oposición acusa o goberno local da Coruña de aprobar pola “porta de atrás” a Axenda Urbana 2030

0

O goberno local da Coruña aprobou este luns, en Xunta de Goberno local, a Axenda Urbana da Coruña 2030, con reproches de todos os grupos da oposición –PP, a Marea Atlántica e BNG– por entender que se deu luz verde a un documento “estratéxico” para a cidade pola “porta de atrás”, con “improvisación”, sen “consenso” e “furtando o debate”.

Estes foron os argumentos esgrimidos polos edís dos distintos grupos para quen se trata dunha cuestión que debía levarse a pleno, como si se fixo en cidades como Santiago ou Pontevedra, segundo expuxeron.

Con todo, o goberno municipal sostén que a aprobación en Xunta de Goberno local é “un trámite esixido desde o Goberno central, que non establece que o documento teña que ir a pleno”. No entanto, indica que se convocará a todos os grupos na correspondente comisión para “solicitar as súas achegas” e levalo a pleno. Sostén tamén que houbo no verán reunións con distintos colectivos nun “proceso participativo”.

Antes, en rolda de prensa, a edil do BNG Avia Veira cualificou de “insulto á cidadanía” que se lles dixese, desde o grupo socialista, que “non sabían ata a semana pasada que se tiña que aprobar este documento ata o 13 de setembro” e argumentou que a consultora encargada “xa o advertiu en xullo”.

Na mesma liña, manifestouse a portavoz da Marea Atlántica, María García, que insistiu en que se trata dun documento que “define o modelo de cidade” e un requisito para acceder a fondos europeos e que, por iso, esixe “o consenso necesario”. Tamén cuestionou o contido do aprobado por “falta de ambición”.

Pola súa banda, o concelleiro do PP Roberto Rodríguez reprochou que non se dese “opción” a participar no mesmo á oposición e asegurou que desde o Goberno “obrígase aos concellos a xustificar por que non leva a pleno” se non se fai.

“Cal é a escusa de mal estudante que vai pór Inés Rei esta vez”, dixo sobre a alcaldesa, á que acusou de “non cumprir” os acordos coa oposición.

“Se o Ministerio –o de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana– dá por ben que estea aprobada en Xunta de Goberno local non haberá problema con esa subvención”. “Se o Ministerio non entende por xustificada ese incumprimento se cadra temos que pagalo entre todos”, apuntou, na mesma liña, Avia Veira sobre os efectos en subvencións europeas.

O BNG reclama incrementar e intensificar o labor de limpeza das augas portuarias da Coruña

0

Ante “a acumulación de residuos flotando en diferentes zonas do porto da Coruña”, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha batería de iniciativas para reclamar ao Estado que aumente e intensifique os labores de limpeza nas augas portuarias.

En concreto, Rego pregunta ao Goberno central sobre a periodicidade dos traballos de limpeza realizados polo buque anticontaminación Pelícano 24 e as áreas de actuación da embarcación, así como outras medidas que o executivo estatal contempla para resolver a contaminación mariña.

Na zona denominada como Mariña Coruña poden observarse “desperdicios e lixos flotando en diferentes áreas”, explica Néstor Rego, como, por exemplo, na contorna dos pantaláns deportivos de Oza. Ademais, nestes últimos días, o baño na praia próxima de Oza estivo desaconsellado pola presenza de fecais na auga en graos superiores aos recomendables.

O porto da Coruña conta cunha embarcación anticontaminación, chamada Pelícano 24, que ten asignada a tarefa de limpar e manter as augas interiores do porto en bo estado. De facto, explica a organización nacionalista, adoita facerse público o resultado destes traballos anticontaminación, dando a coñecer a cantidade de residuos recolleitos.

A situación detectada ultimamente, sinala o BNG, “leva a pensar que os traballos de limpeza do Pelícano 24 non se realizan ou, polo menos, non coa mesma intensidade, na totalidade das augas portuarias da Coruña, especialmente nas zonas en mans de empresas concesionarias, como son as relacionadas con actividades recreativas”.