InicioOPINIÓNAperta coruñenta, Xornal da Coruña!

Aperta coruñenta, Xornal da Coruña!

Publicada o

Por Xurxo Souto

Aperta Coruñenta!

Moreniña por te ver
pasei o mar da Marola
a piques de me perder.

Velaí a apoteose do cancioneiro tradicional coruñés. Tríade céltica –como diría don Manuel Murguía- na forma. E unha mensaxe definitiva no fondo: Cómpre arriscalo todo para acadar a beleza. Esta é a esencia do ser coruñés.

Xornal da Coruña! quero saudar a túa chegada cunha apoloxía da cidade que nos habita: Luz e vento. Unha pedra chantada no Atlántico. E a Torre, ese xigante, entre as Mariñas e a Costa da Morte, facho acendido para abrir camiños no Océano. Ou o que é o mesmo, para abrir camiños en todos os misterios.

Xornal da Coruña, palabra grande. Agromas cheo de luz na cidade-barco para amosarnos os seus universos invisíbeis. Cando subimos á Torre, os terricolas enchemos o ollo cunha vista marabillosa. A xente do mar está vendo moito máis. As pedras onde traballa o percebeiro: a Rabadeira, a enseada do Xogadoiro, o Gueivouteiro, o Xanrei, as illas do Boi , da Vaca do Becerro e do Becerriño.

Debaixo da tona da auga latexa a fartura dos bancos pesqueiros. Velaí están as Acentes, o Carpancho, os Abarracidos, as Tousas de Leste, as Tousas de Vendaval….Alén de Prior, as pedras dos Cabalos, e os camiños que levan ao Gran Sol, o mar de Irlanda.
Ruído, fume, cemento…a pátina urbana tolda ás veces a nosa percepción, e non nos permite sentir as magnitudes cósmicas –pedra, mar, vento- entre as que armamos a nosa vida.

A Coruña, “Nao Enfeitizada” –dixo Devesa Monterroso- e nós dentro, aquí, en concreto, onde xermola a cada instante a marabilla. Milagre cotián que estoupa nos beizos cada vez que pronunciamos a palabra máxica: Orzán !

Os catro relampos da Torre identifican á Coruña entre todos os navegantes. Ritmo de luz baixo o que medramos: Monte-Alto, os Mallos, os Castros, Labañou…barrios cargados de historias humildes -marabillosas- que agora, co Xornal da Coruña, van converterse, por fin, en protagonistas.

Grazas, de entrada, por tanta luz. E as máis felices singraduras. Velaí vai, chea de forza, a miña aperta coruñenta !
Ai! Moreniña por te ver…

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

ÚLTIMAS

Noveno día de paro dos autobuses na Coruña sen avances e coa ameaza de folga indefinida no ar

O persoal do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña rexistrou unha...

O TSXG confirma a sanción de case 200.000 euros a Prezero pola crise do lixo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado...

Sete detidos nun operativo contra o narcotráfico na Coruña e o Salnés

Axentes da Policía Nacional, a Garda Civil e do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA)...

Dadas de alta todas as persoas hospitalizadas pola intoxicación alimentaria no IES de Elviña

Todas as persoas ingresadas polo brote gastrointestinal rexistrado no IES de Elviña, na Coruña,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here