InicioOPINIÓNDe novo, a voltas co porto

De novo, a voltas co porto

Publicada o

Por Francisco Jorquera

O pasado 15 de xaneiro, nun debate radiofónico, os representantes do PP e o PSOE coincidiron en que non se debían comprometer fondos do Concello para a adquisición duns terreos do porto que xa son públicos.

Esta posición, que coincide coa que sempre defendeu o BNG, non foi, en cambio, a que até o de agora mantiveron a Xunta de Galiza e o Goberno municipal.

A Xunta comprometérase no seu momento a achegar 20 millóns de euros para facerse coa titularidade de Calvo Sotelo e Batería, un compromiso rexeitado polo Goberno municipal que contrapuxo a proposta de destinar 15 millóns de euros da facenda local para adquirir o 75% deses peiraos.

Froito disto, en setembro de 2021 as institucións implicadas chegaron a un principio de acordo para que o Concello achegase o 75% da valoración dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, a Xunta un 20% e a Autoridade Portuaria o restante 5%.

O propio presidente da Xunta, en declaracións posteriores ao citado debate radiofónico, afirmou que “a Xunta mantén o seu compromiso de facer achegas económicas para a merca dos terreos, de acordo as anualidades que se pactaron en setembro de 2021”.
Cómpre, pois, esclarecer se realmente estamos ante un novo escenario e, se for así, comprometerse a dar os pasos necesarios para facer realidade a transformación da fachada marítima da Coruña.

Como tamén cómpre impulsar a creación dun consorcio coa participación das distintas administracións e revisar o Convenio de 2004 e o propio Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permite uns aproveitamentos urbanísticos e terciarios en terreos portuarios que en absoluto se corresponden coas necesidades da Coruña de hoxe.
Tamén é necesario dar pasos para avanzar na definición dos usos futuros dos terreos que fiquen liberados de actividades portuarias, contando para iso coa participación da cidadanía.

Polo demais, faise necesario abordar unha solución á débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado para construír o Porto Exterior.
O futuro do Porto da Coruña e dos investimentos que necesita non pode verse comprometido por unha débeda contraída para facer fronte a unha decisión de Estado, anunciada polo Goberno Aznar como compensación a Galiza polo desastre do Prestige.

Trátase de reclamar unha igualdade de trato, pois o Estado condonou a débeda do Porto de Valencia e, ademais, existen numerosos exemplos de cesión de terreos de portos de titularidade estatal sen que tivese representado un custo para as súas cidades.

Por iso, Xunta e Goberno municipal deben esclarecer dunha vez por todas, cal é realmente a súa posición.

  • Francisco Jorquera Caselas. Voceiro do Grupo Municipal do BNG e candidato á Alcaldía

 

ÚLTIMAS

As familias das Escolas Infantís saen á rúa: “Non é unha simple licitación: estamos a falar de educación”

As familias das Escolas Infantís Municipais da Coruña concentraranse este sábado 26 de setembro...

“Por todas as Maricarmen” e “Fondos voitre fóra de aquí”

Centos de persoas acodían esta pasada tarde de xoves á subdelegación do goberno para...

FAVA denuncia os problemas do transporte metropolitano dependente da Xunta 

Son moitas as queixas sobre o transporte metropolitano, o transporte público que xestiona a...

Arrinca o programa do Monte dos Crutos para poñer en valor o Castro de Elviña

Arrincou este xoves unha nova edición de ‘Sons e saberes no Monte dos Crutos’....

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here