InicioPOLÍTICAFran Caamaño, ex ministro de xustiza: "Na Coruña mantense razonablemente o equipo...

Fran Caamaño, ex ministro de xustiza: “Na Coruña mantense razonablemente o equipo de goberno a pesar dos problemas internos”

Publicada o

Por editor

Fran, que tal foi a volta dun ministro ao seu anterior traballo, no teu caso á docencia universitaria? Pois a verdade é que foi moi tranquilo e estivo moi ben. Agora estou entre a universidade e o despacho. Estou moi entretido.

Entón tamén estás no despacho? Si. Un despacho de avogados que somos 90 e temos delegacións en Madrid, Vigo, A Coruña…

E que levas ti? Dereito público, contenciosos administrativos, recursos de amparo, informes ás autonomías…

Entón… afixecheste ben a iso de pasar de ministro a exercer a profesión do dereito pura e dura… Si, moi ben. Ser ministro non foi moito menos traballo do que teño agora. Aquilo foi unha etapa. Aprendín moito. Eu son profesor de universidade e estiven na política transitoriamente e aprendín moitas cousas delas e volvín encantado ao meu traballo para transferir coñecemento.

Dicías que aprenderas moito da política. Que aprendiches? Eu son un constitucionalista e, polo tanto, pasei de explicar as Cortes Xerais e institucións como o Goberno de España ou a Unión Europea a estar nelas. E iso é unha experiencia importante. Aprendes moito sobre a socioloxía do poder, sobre o exercicio da responsabilidade porque tes que responder ante 47 millóns de españois. Vivín etapas moi tensas como foi a fin de ETA. Estou contento dalgunhas leis que saíron adiante e que antes non quería ninguén falar dela como a de Violencia de Xénero ou da Lei do Carné por Puntos… E a que se montou daquela. Tamén é certo que tiven erros, que se aprenden deles, tanto na miña etapa de secretario de estado, coma de ministro. Ao final, aí quedaron as cousas e agora estamos noutra etapa, que é investigar, explicar todo isto nas facultades, nas conferencias e organismos internacionais ás que vou.

Ao longo de 40 anos de democracia algunhas institucións foronse deteriorando e temos moitas cousas que amañar, como o TC, e outras que sobran como o Consejo Superior del Poder Judicial

Falas precisamente de impulsar dúas leis importantes. E ti, como constitucionalista, como ves o que está acontencendo no Tribunal Constitucional (TC)? Non che dá un pouco de vergoña? É un deterioro institucional moi grave. Ao longo de 40 anos de democracia algunhas institucións foronse deteriorando e temos moitas cousas que amañar, como o TC, e outras que sobran como o Consejo Superior del Poder Judicial (CGPJ) que foi o dentonante do que pasou no TC. Hai que repensar o papel destas institucións seriamente porque non poden seguir así xa que o mecanismo para elexir os membros do TC fallou e co paso do tempo non se amosa efectivo porque uns e outros queren colocar a próximos das súas tendencias políticas e non buscar aos mellores. E no caso do CGPJ é unha instución que os pais constitucionais tomaron da Constitución de Italia e tamén a colleron portugueses e deu mal resultado aquí e en Portugal. Por iso agora o que temos que facer é mirar o que pasa noutras democracias onde non hai CGPJ como Alemania, o mundo anglosaxón, escandinavo ou Francia. Esta figura non atopou durante este tempo un encaixe e un sentido de ser e, substancialmente, serviu para que as asociacións xudiciais que operan como sindicatos que compiten entre eles xeren unha dinámica próxima á política que deteriora a institución ata o punto que os cidadáns pensen que o CGPJ é poder xudicial e non é certo. Eles non son xustiza e non dictan sentencia. E se non fan xustiza nin dictan leis non ten sentido. A figura do CGPJ é hoxe unha figura bastante innecesaria e superflua.

Precisamente porque o CGPJ é o que está devaluando a imaxe da xustiza e, ao final, son xuíces o que provocan esta situación… Si, e de xeito moi preocupante, porque a maioría dos xuíces non son os que están no TC senón os que están nos xulgados dos partidos xudiciais, nos xulgados de primeira instancia ou nas audiencias provinciais que, con acertos ou non, porque son persoas, pero que realizan o seu traballo o mellor que saben e prestan o seu servizo á xustiza de xeito discreto. Isto rompe todo polo CGPJ e fai que a xente se pregunte en mans de quen estamos.

E isto unido ao que está pasando coa nova lei de Violencia de Xénero pois xa está a pota a ferver…Si, si, a conta da nova lei do “só si é si”.

Eu lembro de cando non se podía utilizar esta palabra (violencia machista) por mor de toda a dereita e había que falar de violencia doméstica

Porque isto tamén conecta coa primeira lei de Violencia de Xénero da época de Zapatero… Eu lembro de cando non se podía utilizar esta palabra por mor de toda a dereita e había que falar de violencia doméstica. Iso demostra que hai unha parte conservadora ou reaccionaria na sociedade española contraria ao avance. Antes de probar cousas distintas van ao non por sistema e iso, esa forma de entender a política do no por sistema, é moi preocupante nunha sociedade democrática e vemos onde levou esa política en lugares como os Estados Unidos ou no Brasil. Coa lei do só si é si o que pasou é que se quixo evolucionar máis alá logo de episodios como o de La Manada. E eu tamén creo que despois diso tiñamos que ir máis alá e a lei, efectivamente, en niveis técnicos, non se fixo ben e algúns xuíces pois con arranxo á mesma lei interpretan cousas e poden dar lugar a reducións das condenas. Sempre que se cambian tipos penais pois é normal que se produzan axustes desa natureza. É prácticamente imposible reducir ou ampliar tipos penais sen que haxa persoas condenadas antes que non estean transitoriamente afectadas porque non se pode regular para todos os casos xulgados. Sempre se pudo facer mellor, pois si, pero sempre estamos a tempo de solventalo. Pero o importante era tentar lexislar para evitar casos de dominio e humillación da muller nunha España onde vemos que seguen morrendo moitas mulleres a mans de homes.

Falando de leis que se fixeron na época de Zapatero, que tal é a relación actual con el. Segues mantendo trato con el? Pois moi ben as veces que nos vemos e nos chamamos, igual que con ex ministros. Moitos deles están a un lado da política activa e, por tanto, falamos e se nos preguntan expresamos a nosa opinión. Pero son xa máis conversas de lembrar batalliñas. Tamén é certo que a algúns os vexo máis que a outros.

E a quen? Pois máis a Miguel Sebastián, a quen outras cousas o estamos defendendo no caso Villarejo co BBVA, tamén ao noso defensor do Pobo, ministro de Educación na última etapa, Toño Camacho, á vicepresidenta María Teresa Fernández de La Vega…

Dis que algúns deles seguen en política outros moitos xa non. Pero, Francisco Caamaño segue en política? Non. Eu en política activa non estou e procuro, ademais nesta etapa, manterme no plano institucional un pouco distante. Preferín volver á miña vida profesional. Aquela foi unha vida que xa vivín e agora o que quero é vivir outra porque os anos non perdoan e, ademais, son avó e hai outros alicientes na vida.

E desde esa outra parte como ves o que acontece na política española? Pois está moi polarizada. Non é un mal unicamente español, por exemplo, vese noutros sitios, como Reino Unido ou en Italia onde goberna a ultradereita. Temos tempos convulsos, sobre todo, cunha dereita que a pesar do nazismo, fascismo, franquismo ou salazarismo sae con forza e que é moi pouco democrática pero quere xogar no ámbito democrático e a min iso dame medo como cidadán. Tantas xeracións loitando e tantas vidas perdidas para gañar a liberdade e que haxa persoas que axiten agora a bandeira da intolerencia e xenofobia de novo e que o fagan con certo éxito entre a pobociaón, pois me preocupa. Tamén me preocupa a desinformación, especialmente, a que se ve nas redes sociais, sen reflexiones meditadas, e todo isto é moi preocupante. E nunha sociedade onde hai cada vez máis desigualdade pois este tipo de titulares debilita as institucións e a democracia e nalgúns aspectos esta situación avanza cara a un cambio ciclo de entender os estados e de entender a convivencia democrática.

Non teño moi claro cara onde vai a natureza dos partidos políticos porque hoxe son unha figura deteriorada ante a sociedade

Pero a que te refires con iso? Pois que non teño moi claro cara onde vai a natureza dos partidos políticos porque hoxe son unha figura deteriorada ante a sociedade. Se ese futuro coas novas tecnoloxías impulsarán outra democracia ou será un populismo dirixido por outros… Todo iso está en crise. Non só a economía, senón quen é o soberano. É o pobo soberano ou Amazon, Google, Facebook ou empresas que teñen máis presuposto que moitos estados? E isto dá moito que pensar. Eu non o verei pero si que, como constitucionalista, me preocupo pero estou convencido de que as sociedades tampouco queren ir para atrás e supoñoque dará un volta cara a boa dirección.

Agardemos que así sexa. Falamos da política española, e da galega, que? Pois a vexo coa mesma posición. Gústame que fagan ben as cousas os dirixentes do partido socialista e se alguén me consulta algo, que non soe acontecer con moita frecuencia no ámbito galego, non así no español, pois dou a miña opinión. Penso que nalgúnhas cidades hai boa xestión e a ver que deparan as eleccións que son moi importantes en Galicia porque hai un grupo de cidades que son o eixo de Galicia.

E cres que o teu partido manterá o poder nesas cidades? É o que me gustaría, pero non vivo nelas, que vivo nunha aldea preto de Santiago, pero a percepción que teño é boa porque se viviron moitas cousas desde a covid, e agora con esta crise, hai servizos que cambian e outros que se están adaptando. Pero en xeral, os municipios das grandes cidade, especialmente os gobernados polos socialistas, fixeron unha xestión razonable dentro das súas posibilidades.

Dis que aquí en Galicia tes menos consultas que en Madrid. E quen son entón os do teu partido que che piden consello aquí en Galicia? Cos alcaldes falo, Pepe Bugallo, Abel Caballero… Falamos de como vexo as cousas, algunha pregunta que me fan sobre como vexo tal cousa. Eu encantado de dar a miña opinión. O que non fago é vida partidaria e non estou na organización porque foi unha decisión persoal no seu día. Era a única posibilidade que tiña de saír da política e iniciar un novo periodo. É certo que custa saír da vida política pero podese facer.

En todo proceso hai que saber perder e o digo por Gonzalo Caballero e por calquera outro. Os partidos teñen ciclos e, polo que sexa, cando toca perder pois toca perder

Aínda que estás fóra da política activia vivirás as liortas internas do PSdeG, Gonzalo Caballero e Valentín González… Eu cando era ministro tamén me lembro de que se montou un cristo con Pachi. Pensaban que eu quería competir pola Secretaría Xeral. E recoñezo que non entendía o que pasaba porque non tivera vida partidaria en Galicia e non coñecía as estruturas do PSdeG. Pero máis alá diso eu non gardo rencor con ninguén porque son tempos xa pasados. Pero en todo proceso hai que saber perder e o digo por Gonzalo Caballero e por calquera outro. Os partidos teñen ciclos e, polo que sexa, cando toca perder pois toca perder, sexa nun partido ou nunha elección. Se queres seguir nisto hai que presentar novos escenarios e novos tempo pero non axitar a bandeira do encono e do tempo pasado.

E que este tipo de enfrontamentos vaille pasar factura ao PSdeG electoralmente… Claro. Isto pásalle a calquera partido, igual que entre Feijóo e Rueda tamén houbo tensións cando tivo lugar a sucesión. O importante é que a quen non lle toque desta vez pois saiba agardar porque a vida política ten procesos diferentes. O peor que se pode presentar á cidadanía é discrepancia e a liorta porque ao final a quen lle fas dano é a militancia e á xente de a pe.

E supoño que este escenario é o que fai que Besteiro non se pronuncie porque tamén estará noutro momento da súa vida? Non falo con José Ramón e non sei a súa opinión. Tan respetable é que queira volver como que non. Na vida hai diferentes etapas pero cando tes novos proxectos hai que encamiñalos coa menor das distorsións posibles.

E como ves a Inés Rey na Coruña?… Falei con ela e penso que A Coruña dá pé a grandes cambios. Mantense razonablemente o equipo de goberno a pesar dos problemas internos. Pero en xeral a vexo preparada para afrontar as próximas eleccións, non sei se con maioría absoluta, pero si para seguir gobernando.

E Pepe Bugallo? Pois o mesmo, porque semella que as obras que nunca saían comezan a saír. E así foi coa intermodal, a obra de Concheiros… Eran obras necesarias a pesar dos problemas que houbo. E Santiago é unha cidade difícil porque entre a universidade e a igrexa teñen un gran protagonismo moi especial na cidade e a convivencia entre todos foi satisfactoria.

Este verán atacaronme as candorcas. Fun rescatado en alta mar e menos mal que non nos afundiron de todo

E vas a miúdo á Costa da Morte? Si vou a Cee porque a miña nai vive e vou cando podo. Temos unha casa e estou case todo o verán alí  e é un pracer. O malo é que este verán atacaronme as candorcas.

E iso, foches un dos damnificados dos ataques?… Si, si. Fun rescatado en alta mar e menos mal que non nos afundiron de todo. Teño o barco a reparar porque o temón non vale para nada. Cando vou levo o barco á ría de Corcubión e paso unha tempada por alí.

E ti que viviches os dous, son os ataques das candorcas máis pacíficos que o os de políticos? Bueno, depende. Ver bechos de sete toneladas golpeando o barco, arrancando cos dentes o temón e levandote á deriva, pois, uff… É como se vas pola Alameda de Santiago e che sae un oso. A diferencia coa política é que tanto os ataques das candorcas como os dos osos velos vir e na política o problema é que xa nin che dan tempo a reaccionar.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

Condenado a catro anos de cárcere un home por obrigar a unha moza de 17 anos a realizarlle unha felación en Betanzos

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos de prisión...

Kirk deixa na Coruña árbores caídas, moita chuvia e caos no transporte

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

Un incendio de “moita intensidade” que afecta a un taller en Cambre mobiliza os bombeiros de Arteixo, A Coruña e Betanzos

Bombeiros desprazáronse este mércores ao polígono do Amorne, no municipio coruñés de Cambre, para...

Denuncian “problemas” cos recortes en 62 centros de ensino da provincia da Coruña

A CIG-Ensino levará este mércores ante a xunta de persoal docente os "problemas en...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here