InicioOPINIÓNCoruño. Mitos e realidades (Parte II)

Coruño. Mitos e realidades (Parte II)

Publicada o

Por Tito Pérez

Como en calquera sociedade na que prevalece a lei do máis forte, nos barrios onde se desenvolvía o Coruño imperaba o machismo extremo e a cousificación das mulleres. Se un kíe chosqueaba (vía) unha chorba que lle molase (gustase), acostumaba preguntar ¿de quién es esa já?, como se se tratase dun obxecto susceptible de chorar (roubar). E de certo no seu modo de percibir a situación matizarse (seducir) a unha limitábase a librarse de quen a posuíse ata ese intre.

Se o chorbo lexítimo movía máis peña que o pretendente, esquecíase o asunto de vez e sen maiores implicacións. Se o chorbo movía menos peña, polo xeral abondaba con que o pretendente fixese acto de presencia ou ameazase ao lexítimo, ben persoalmente, ben por intercesión (pasa desa já neno o te van meter) para que se dilucidase o tema por el belfo (sen complicacións). En casos excepcionais, se o tipo era un atrapao (tolo), e non cedía, recorríase á violencia na frecuencia e grao que resultase necesario (no meu tempo tiraron a un rapaz polas escaleiras que baixan dende a rúa Disciplina a Zalaeta, tamén se podían acirrar chukeles (cans) ou empregar puños americanos).

O verdadeiro problema xurdía cando o pretendente e o lexítimo movían aproximadamente a mesma peña. Evidentemente estes casos non adoitaban xurdir por amor desesperado, senón pola belicosa ambición dos kíes por medrar dentro do seu substrato social. Tamén podían contribuír a orixinar a discordia as propias rapazas, pois para algunhas o prestixio dependía da reputación do seu chaveo. Entón pestrucheaban (flirteaban) con kíes a cada volta máis malotes, co único obxectivo de fardar (presumir) das súas conquistas. Eran as liantas, as femme fatale no cine e na literatura. E como no cine e na literatura espertaban paixóns que desembocaban en odios e pelexas, nunha especie de remake da Ilíada con Marinca, Petrobas e Baluba en troques de Helena, Paris e Menelao.

Sucedían casos en que unha rapaza rexeitaba ao kíe que a roldaba (ben porque lle gustase outro, ben porque o aborrecese). Entón o kíe ameazaba durante semanas a calquera chorbo que andase (ou falase) coa rapaza en cuestión, e incluso persuadía a outras rapazas metidas na muvi (no allo) para que non parasen (non se relacionasen) con ela. Algunhas ata lle dirían que como se lle ocorría non empatarse (manter relacións afectivo sexuais) con ese chorbo, que movía tanta peña. Ao cabo, se a chorba en cuestión mantiña a negativa, por simple descarte acabaría xuntándose con rapazas que ata entón considerara julais, e estas, malia ser no pasado vítimas dos seus abusos, acolleríana sen especial rancor. Deste xeito, e máis cedo que tarde, o kíe esqueceríase dela.

Para comprender o enteiro carácter desta sociedade cómpre sinalar que nas liadas a tan alto nivel a natureza dos contendentes se atopaba claramente definida. A meirande parte dos e das adolescentes fuxían dos e das kíes, e estes tíñanlles tanta pía (manía) que os desprezaban igual que se se tratasen de seres inferiores, como un nobre ou unha dama da Idade Media desprezarían un labrego. Así, os kíes só consideraban ao resto de adolescentes para impoñérselles, en xeral para darlles o palo, ou se cadra para que lles soplasen nalgún exame e á fin aprobando os profesores e os puriles non lles bufasen (rifasen).

Os kíes estaban adiantados á súa idade, ou demasiado adiantados. Se a media dos e das adolescentes perdía a virxindade a partir dos dezaseis brejes (anos), e moitos non a perdían ata ben entrados na idade adulta, unha kíe ou un kíe podía perder a virxindade aos trece brejes, e con peña da súa idade. Do mesmo xeito os kíes drogábanse antes (podían comezar por esnifar pegamento aos dez ou once anos), deixaban os estudos, traballaban antes (algúns se “endereitaban” deste xeito), e por suposto perseguíaos antes a madera (policía), ou remataban no reformatorio. Ao final tratábase de xente que por diversos motivos, normalmente carencias económicas e/ou emocionais, extraviara a infancia a medio camiño.

Lembro que por aquela época un amigo meu expuxera un traballo na escola. O traballo, totalmente benintencionado e para nada irónico, versaba sobre as castes en que estaba dividida a sociedade adolescente. El relataba con total seriedade, como se fose un sociólogo do século XIX a distinguir entre clero, burguesía e proletariado. Para el había tres clases: kíes, xente normal e chapóns. O meu amigo describía polo miúdo comportamentos e características. Entón unha rapaza da clase, que era medio kíe, retrucoulle que de certo os kíes e os chapóns tamén se considerarían xente normal… Lembro que a profesora non se molestou en intervir. Coido que non se decataba do enteiro alcance do que estaba a suceder.

 

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

Máis artigos de Tito Pérez en XdC

Máis info

ÚLTIMAS

Condenado a catro anos de cárcere un home por obrigar a unha moza de 17 anos a realizarlle unha felación en Betanzos

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos de prisión...

Kirk deixa na Coruña árbores caídas, moita chuvia e caos no transporte

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

Un incendio de “moita intensidade” que afecta a un taller en Cambre mobiliza os bombeiros de Arteixo, A Coruña e Betanzos

Bombeiros desprazáronse este mércores ao polígono do Amorne, no municipio coruñés de Cambre, para...

Denuncian “problemas” cos recortes en 62 centros de ensino da provincia da Coruña

A CIG-Ensino levará este mércores ante a xunta de persoal docente os "problemas en...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here