InicioOPINIÓNCoruño. Mitos e Realidades (Parte III)

Coruño. Mitos e Realidades (Parte III)

Publicada o

Por Tito Pérez

O submundo do Coruño posuía unha xeografía e unha toponimia particulares. Os barrios con bandas de máis prestixio eran a Sagrada Familia (Safa), Monte Alto (M.A.), Casas de Franco-Ventorrillo (Katanga) e Labañou (Korea). Os de Labañou eran koreanos porque daquela todo o que proviña de Asia se asociaba ás artes marciais, e eles tiñan fama dunha habilidade innata para repartir (bater, pancar). Aos de Katanga, unha provincia do Congo, chamábaselles así porque parecían dunha tribo de salvaxes polas jumas (golpes) que cusmaban. Tanto se estendeu a denominación, que a día de hoxe moita xente descoñece que o nome formal do barrio é Casas de Franco, e só o coñece por Katanga. Porén, no meu tempo estes barrios estaban en decadencia con respecto a outros máis novos, principalmente O Birloque, Elviña e Palavea. É dicir, xa podían estar os de Labañou agardando nunha praza para zoscarse cos de Monte Alto (o enfrontamento clásico entre barrios coruñeses, o Celta-Depor do submundo Coruño) que se se presentaban os do Birloque rapidamente se achantaban. É difícil de asimilar dende unha perspectiva lóxica, pero o certo é que as bandas de kíes, rapaces plenos de vigor e con toda a vida por diante, estragaban os seus folgos en armar bullas entre si continuamente e con calquera pretexto (igual que no Bronx e demais barrios que vemos nas películas americanas, pero sen armas de fogo, claro), en troques de unirse para loitar pola mellora das súas condicións socioeconómicas. 

Daquela os barrios posuían unha relevancia da que agora non se pode nin comprender o alcance. Había quen non saía do barrio en meses (ou anos). Nin para coller o buga (coche) e tirar para Caión ou Mera, nin para dar un garbeo (paseo) e tomar unha birra polo centro (moito menos por outro barrio). Na verdade non lles sobraban os cartos, e ademais contaban con todo tipo de servizos no propio barrio (por exemplo tendas de roupa), hoxe desaparecidos. Mais o principal motivo polo que os kíes non saían do barrio era porque fóra do seu ambiente se sentían inseguros. No barrio tiñan un prestixio, a xente coñecíaos e respectábaos, e por suposto falaban o seu idioma (o Coruño). E aínda que o seu barrio fose un gueto de delincuencia e narcotráfico, se por calquera motivo os kíes se aventuraban noutra zona, así fose ao centro, onde en comparación practicamente non había delincuencia, andaban con especial tino, medorentos, como se de calquera recuncho fose xurdir un tropel de chorbos para darlles o palo ou mallar neles. 

Para os kinitos de Monte Alto, a praza de Pontevedra era o límite de demarcación que tiñan por norma non cruzar, salvo armados ata os dentes e con cincuenta chorbos listos a saltar (acudir en defensa de). Lembro unha ocasión na que andaba cuns amigos pola zona de Zalaeta e nos viñeron uns kíes. Primeiro preguntaron de onde eramos. Evidentemente a ninguén se lle ocorreu dicir que da Coruña (era obvio), pero tampouco sabíamos por que nos preguntaban. Ás veces estaban de boas e non daban a vara (molestaban) demasiado. Cadrou que todos vivíamos en Monte Alto, menos un que vivía na Rolda de Outeiro. Só lle pediron cartos a el. Aquel día mantívose firme e non llos deu, porque estabamos preto do colexio e non se atrevían a ameazalo, pero semanas despois choráronlle unha chupa dos Chicago Bulls, que hoxe adiviño se cotizaría en vinted como unha xoia retro. 

Fóra dos límites municipais a sociedade do Coruño estendíase pola área metropolitana, se ben con menos intensidade. Cóntame unha amiga de Sada que o máis kíe de Sada era un julai da Coruña. Polo xeral, en lugares un chisco afastados como Abegondo ou Carral apenas había influencia en canto á estratificación social, si no aspecto idiomático, como me comentaba un amigo de Malpica, que confesa que el estudaba na Coruña e adoptaba palabras e expresións en Coruño para logo aprenderllas aos seus paisanos.

Un dos contados motivos polo que os kíes abandonaban con gusto o barrio era para ir ás discotecas a zoscarse con outras bandas, pois dentro da cidade a madera, sobre todo dende finais dos noventa, andaba al loro (pendente). Así, a miña amiga sadense cóntame que os sábados ás seis da tarde ía coa súa avoa mercar grelos ao feirón, e bandas de kinitos pasaban gambeando a pinrel (correndo a pé) para currarse diante da discoteca Baroke. Do mesmo xeito era frecuente que se montara (que se armase unha liorta) no bus a Sada ou a Santa Cristina, ata o punto de producirse verdadeiras batallas campais (o buseiro seguía conducindo como se nada, pero ás veces ao chegar a destino tiña que chamar unha ambulancia). 

Outra anécdota ocorreume en Vilaboa, Culleredo. Estabamos xogando ao fútbol cuns chinorritos e debeulles parecer mal algo que fixemos (algún caño, un vacile, algo así). De volta ao kel (casa) dun dos nosos colegas, saíronnos ao encontro co seu curmán maior, cunha evidente pinta de excarcerario, de que había pouco saíra da trena. O seu ton era ameazante. Parecía que en calquera intre ía sacar unha navalla. Porén, de súpeto quedou mirando para un de nós. Ti me soas, dixo. Ollábao insistentemente. Ao cabo, preguntou, Coñeces a Magdalena? O meu amigo dixo que non. Pero outro, que se empanara da movida (que entendera o conto), retrucou: Si claro, Magdalena, da Sagrada. Amiga de Platanito. Axiña o excarcerario cambiou a súa actitude e pasou a tratarnos cunha deferencia de marqueses. Incluso nos deu o seu nome e nos brindou protección por Vilaboa. Mandounos saúdos para Magdalena. Nunca llos dimos, porque en canto a albiscábamos ao lonxe fuxiamos con disimulo pero a fume de carozo. 

Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

MÁIS ARTIGOS DE TITO PÉREZ EN XDC

MÁIS INFO

ÚLTIMAS

Kirk deixa na Coruña árbores caídas, moita chuvia e caos no transporte

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

A alcaldesa da Coruña reclama para a cidade o ‘papel líder’ na inauguración da mostra ‘Pensamento de Cidade’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, reivindicou o "papel líder" da urbe coruñesa na...

Un incendio de “moita intensidade” que afecta a un taller en Cambre mobiliza os bombeiros de Arteixo, A Coruña e Betanzos

Bombeiros desprazáronse este mércores ao polígono do Amorne, no municipio coruñés de Cambre, para...

Denuncian “problemas” cos recortes en 62 centros de ensino da provincia da Coruña

A CIG-Ensino levará este mércores ante a xunta de persoal docente os "problemas en...

1 COMENTARIO

  1. é curioso o que contas de malpica, porque si que pasaba en moitos lugares, que unhas poucas persoas comezaban a utilizar nas vilas esas expresions dos barrios e, en lugar de seren ridiculizadas por alleas, eran acollidas e abrazadas, chegando a ter aura de “universais” e identitarias..

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here