InicioOPINIÓNAs tres memorias de Jorge Semprún

As tres memorias de Jorge Semprún

Publicada o

Por José Manuel Sande

Escritor e guionista tan persoal como prestixioso, político e activista sufridor das vicisitudes do século XX, en decembro de 2023 cúmprese o centenario do nacemento de Jorge Semprún Maura (Madrid, 1923-París, 2011). Dono dunha biografía que, facendo escolma de peripecias, accións e consecuencias, podería servir para varias vidas á vez, Semprún é unha figura intelectual, artística e política fascinante.

Militante clandestino e axente comunista na España de Franco, antes exiliado, membro da Resistencia francesa e prisioneiro dous anos no campo de concentración nazi de Buchenwald, a partires dos anos 60 comeza un segundo periplo, onde a escrita literaria, con narracións que irán de El largo viaje (1963) a La escritura o la vida (1995) pasando polo lexendario premio Planeta da transición Autobiografía de Federico Sánchez (1977), convive cunha vertente fílmica, guións para xentes como Alain Resnais e Costa-Gavras, que conlevará ata 2 nomeamentos ao Oscar (La guerra ha terminado; Z), e a dirección dunha única película, o memorable documental sobre a guerra civil española Las dos memorias (1974).

Ministro de Cultura independente en gobernos do PSOE entre 1988 e 1991, Jorge Semprún foi prosista da memoria e o tempo, así como home de acción e testemuña privilexiada do seu tempo.

A conferencia de hoxe na Fundación Luis Seoane esbozará algúns dos aspectos máis importantes da súa rica traxectoria, acompañados para a ocasión de imaxes e materiais adicionais de interese, pero tamén aportará a miña visión de quen foi un cidadán obsesionado polo compromiso, o paso do tempo e a memoria.

Variacións (persoais) sobre a memoria

Un autor especializado nos resortes da memoria induce á recuperación do propio recordo. E configura progresivamente a persoal relación que vas tecendo coa súa obra, achega as complexidades da súa figura biográfica. Semprún aparece como o rostro inevitable das súas ficcións ou ensaios memorialísticos asumidos. Descubro moi novo a Federico Sánchez e ata me resoan unhas verbas de Vargas Llosa apelando a que é o libro (Autobiografía de Federico Sánchez) de alguén que bota en falta a aqueles que foron camaradas, aludindo quizais a que a razón primordial dun militante é fraternal, elemento capital para Semprún. Peza controvertida, acusada de axuste de contas, o autor ofrece unha análise certeira dos derroteiros do eurocomunismo. A escritura do texto comeza en 1967 e non é ata a legalización do PCE que acepta publicar o libro, pero veremos como impregna parte de toda a súa produción.

E atopamos as anécdotas implacables da historia. Un ve cun sorriso melancólico os premios Planeta da transición –consecutivamente Semprún, Marsé e Vázquez Montalbán- e Autobiografía de Federico Sánchez vai ter vendas (e leituras) exorbitantes. Vislumbro ao tempo ese Resnais, La guerra ha terminado, presente nunha vella colección de películas en formato VHS, anunciada como unha antoloxía dos mellores filmes do século XX. Xa coñezo Hiroshima, mon amour e El año pasado en Marienbad. Xa vin os fantasmas metanarrativos de Providence. O filme parte dun guión orixinal de Semprún e recrea de xeito autobiográfico parte do vivido nos anos que van de 1953 a 1962, o seu traballo de enlace responsable do PCE na clandestinidade, ergo o nacemento do mito de Federico Sánchez, sempre perseguido e nunca atrapado polas autoridades do franquismo, así como os problemas finais co partido. Ese mundo dunha “fraternidade irremplazable” ou as pisadas da guerra, deixan imaxes referenciais, sorpresas por esas idas e chegadas temporais, marca da súa escritura tamén fílmica.

A fuxida da loita armada, un relato baseado no devir dos movementos de extrema esquerda dos anos 60 e 70 en Europa a través da peripecia de cinco dos seus representantes, expresada en Netchaiev ha vuelto (1987) indica xa as quebras ou evolucións ideolóxicas sucesivas. Máis lonxe da obra de tese, o tecido sociohistórico e político serven de engarce coa rica tradición de movementos de ruptura (o terrorismo e a violencia política, o 68 e as súas consecuencias, o potencial libertario, a fragmentación idealista das forzas de progreso radicais) establecendo unha peza de xénero policíaco invadida polos estilemas de Semprún: o medido uso da linguaxe; a carga da erudición e as citas e referencias tanto culturais e filosóficas –de Cioran a Cohn-Bendit e o seu referencial volume de entrevistas La revolución y nosotros, que la habíamos querido tanto (1986)- como históricas e sociopolíticas (a Comuna de París; os asasinatos de Acción Directa; o abandono da loita armada contemporáneo, de Hans-Joachim Klein a Yoyes; a II Guerra Mundial), con abundantes sinais autobiográficos e xeracionais; o debate filosófico e intelectual a modo de diálogo; a acumulación de circunstancias sociopolíticas derivadas do seu tempo na construcción e entorno tanto da trama como dos personaxes; o peso da Historia do século XX, que descansa sobre os símbolos de Buchenwald, a guerra civil española ou o totalitarismo e as súas disidencias. En La segunda muerte de Ramón Mercader (1969), atopo a rememoración do catalán Ramón Mercader e do home que asasinou, Leon Trotski, e celebro o gusto do autor por empregar cadros paradigmáticos como imaxe simbólica (aquí Vermeer, outras veces Velázquez ou Patinir).

O perfil biográfico do amigo cantante-actor-home comprometido brilla en Montand. La vida continúa (1983), retrato superposto á aparente crónica dunha xira onde emerxe o compoñente xeracional, así como o trazado nas peripecias do país de acollida, Francia, ao tempo que oda á amizade compartida con Ivo Livi, alias Yves Montand. E estimula Z e o seu contexto, con Montand de por medio. Semprún aborda coa naturalidade e estoicismo asimilados polo seu rol pasado, os asuntos políticos, convertidos na vertente cinematográfica en paixón histórica, análise do acontecemento, disección das contradiccións e loitas derivadas (e aquí entra o seu compoñente tamén persoal), unha parte indisociable da propia experiencia vital que se pode compartir en forma de ficción tamén fílmica.

E vou recibindo como perlas novidosas o que publica no final dun século e os inicios doutro. Adiós, luz de veranos… (1998) cubre de modo esplendoroso outra etapa do seu pasado: toca de perto infancia (República) e adolescencia (guerra civil e exilio), contribuindo a completar o proxecto de mapa da memoria de toda a súa traxectoria. Viviré con su nombre, morirá con el mío (2001) nutre o ciclo dos campos de concentración e Veinte años y un día (2003), regreso á escrita en castelán, xurde como un fascinante relato sobre a atávica violencia hispana coa guerra civil como pertinente escenario de partida.

E de repente vivo no CGAI unha proxección asombrosa, a do documental Las dos memorias. Con rotunda idoneidade. A crónica urxente da guerra da paso a un exercicio de recuperación de voces esquecidas, ocultas, e que da como resultado un coro non necesariamente armónico, cheo de diferencias, de diverxencias, por iso símil exemplar da esencia da memoria. Director dunha única película, como André Malraux, intelectual, político e home de acción co que garda notables paralelismos, convén recuperar este traballo na historiografía cinematográfica.

E de maneira reveladora, resistirame de xeito máis ou menos inconsciente a ler a súa produción literaria dedicada á II Guerra Mundial. De súpeto, vislumbro esas pezas como ocos no coñecemento da súa obra, dardos acusadores dun saber inconcluso, dun misterio non revelado, de dores descoñecidas, de avatares previos aos que debo acceder. Descubro así a magnitude emotiva e as rimas internas que gardan pezas como El largo viaje, La escritura o la vida ou Viviré con su nombre, morirá con el mío. E na súa obra póstuma, Ejercicios de supervivencia (2012), descubro un tratado insólito sobre a tortura. A tortura propia. Semprún expón fielmente o espírito da rebeldía e a construcción da fraternidade por medio dun alucinante estudo sobre o sufrimento físico e os límites da condición humana ao tempo que exemplifica esa Europa que facía do monstruoso normalidade no albor da década dos 40. Antonte.

 

  • José Manuel Sande. Programador cultural, escritor cinematográfico. Parte da Filmoteca da Galicia e da Fundación Luzes.

Artigos de José Manuel Sande

ÚLTIMAS

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

Moito se ten falado das Xubias dende que en xullo o Concello lle entregaba...

O avogado do presunto agresor de Samuel Luiz: “podía ocorrerlle a calquera que estivese alí”

A defensa de D.M.M., o mozo que presuntamente iniciou a agresión a Samuel Luiz...

Así foi a alerta nos móbiles da veciñanza da Coruña e Arteixo por un simulacro de accidente na refinaría

Eran as 10:41h deste martes 15 de outubro (soou outa vez ás 10:56h) cando...

Fillas de Breogán viaxan a Lyon para disputar o torneo de clubs máis importante a nivel europeo do fútbol gaélico

O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, vai participar no...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here