O Concello da Coruña aprobou hoxe, no pleno ordinariocorrespondiente ao mes de abril, destinar máis de 18 millóns a investimentos e axudas ao tecido asociativo.
Na sesión, deuse luz verde a unha modificación de crédito por valor de 10,8 millóns de euros nos orzamentos deste ano. Unha modificación criticada ao longo da semana pola Marea Atlántica despois dunha Xunta de Goberno na que se presentaron as cifras de execución do orzamento do pasado 2022, “a porcentaxe máis baixa da década”.
Esta operación, segundo o goberno local, é necesaria para acometer obras como as dos accesos pola ampliación do complexo hospitalario da Coruña (Chuac), cun investimento dun millón de euros no actual orzamento.
O modificativo, explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, permitirá afrontar actuacións de mellora no parque de Bombeiros de Agrela e sufragará as anualidades correspondentes ás obras de urbanización que están en marcha desde o ano pasado no barrio de Xuxán.
Ademais, este modificativo de case 11 millóns de euros tamén inclúe as achegas municipais previstas nas intervencións de rehabilitación urbanística vinculadas a fondos Eidus. Por outra banda, darase tamén resposta a solicitudes presentadas pola cidadanía a través dos orzamentos participativos, correspondentes a novas infraestruturas e melloras da mobilidade.
Mocións do BNG
O Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG –defendida polo seu portavoz, Francisco Jorquera- para que o Goberno Local promova unha investigación arredor do caso STL con dous propósitos básicos: saber se as concesionarias dos servizos de recollida de lixo e de limpeza delegaron nese grupo a política de persoal e para determinar se, nesta última contrata, a folga de xuño de 2022 foi pactada entre a empresa e o autodenominado como sindicato.
Porén, as outras das mocións do BNG neste Pleno foron rexeitadas. Unha, defendida por Avia Veira, e contou co único apoio da Marea (PSOE abstívose e PP votou en contra) que propuña dar o apoio do Concello ao movemento RegularizaciónYa, que impulsa unha ILP para favorecer o medio millón de persoas migrantes que se achan en situación administración irregular no Estado.
Tamén foi rexeitada (PP e PSOE votaron en contra e Marea abstívose) a iniciativa por medio da cal o portavoz do BNG no Concello defendeu a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño, os plans do Estado para a eólica mariña. Argumentou Jorquera que a escolla é clara: ou a pesca galega -31 mil empregos directos, 120 mil inducidos, 2% do PIB galego (4,8% se atendemos a todo o sector do mar)- ou a entrega dos nosos mares ás grandes eléctricas.
Mocións da Marea
Ademais, foron aprobadas por unanimidade as tres mocións da Marea Atlántica no Pleno. A primeira pedindo reforzo no servizo de Bicicoriña para que non haia diferencias entre barrios, como explicaban estes días; A segunda moción centrouse en reclamar “limpeza na limpeza”, en relación á polémica xurdida co servizo de recollida de lixo; e a terceira sobre a necesidade de abrir os patios dos centros escolares dos barrios para que a rapazada poida empregar as pistas fora do horario lectivo, gañando espazos para o deporte e o ocio de nenas e nenos.