InicioOPINIÓNA Sarreta de 32 cm

A Sarreta de 32 cm

Publicada o

Por Tito Pérez

Debiamos ter trece ou catorce anos cando un dos nosos compañeiros chegou a clase dicindo que pescara unha sarreta de 32 cm na zona de San Amaro. Leváralla á súa avoa e cociñárana á prancha con allo e perexil. O noso amigo, que posuía o típico chaleco de pescador con ducias de petos para os diferentes calibres de anzois e demais útiles, andaba decote ocupado, e non conseguimos que nos revelase o seu caladoiro. Porén, co obxecto de estar á altura, comezamos a frecuentar as pozas de marea baixa na praia das Amorosas ou en Punta Herminia. Con sedela e anzol, e lapa de engado, pasabamos as mañás de fin de semana encrequenados encol das pozas sacando lorchos que logo devolvíamos ao mar. Falo en plural, pero en realidade eu era un mero espectador, pois sempre fun negado para a pesca. E iso que meu avó era pescador, pescador de auga doce pero dos de antes, que cunha depurada técnica elaboraba as moscas a man, e sempre volvía das súas excursións polos ríos de Lugo cun par de troitas de cores brillantes que daba gana ata de lambelas crúas. Mais o caso é que eu nin sequera tiña maña para anoar o anzol nin quitarllo ao peixe, nin paciencia para botar a sedela aos recunchos propicios, polo que en realidade só ía de pesca por estar ao aire libre co arrecendo a salitre nos fociños e o sol nas costas, e falar cos meus amigos de quen eran os mellores da escola xogando ao fútbol, da próxima fogueira de San Xoán, das teimas que inventaban os profesores para amolarnos ou das rapazas que non nos facían nin caso.

O conto é que axiña nos aburrimos das pozas, e nos decatamos de que vendían miñoca viva no mítico bar a Parra (aínda que bastante cara para as nosas minguadas pagas). Daquela comezamos a frecuentar un recuncho no paseo marítimo, xusto antes do porto, en fronte ao castelo de San Antón e á Solana. Ben fornecidos de senrada tentabamos pillar un vello ou unha maragota de bo tamaño. Mais se eu era un pescador nefasto, os meus amigos lonxe das pozas non ían moito máis alá, e con sorte en toda a xornada sacaban un par de minúsculas bicudas que retornaban desganados ao mar. Ao cabo a nosa actividade reducíase a admirar a pericia dos señores que sacaban peixe tras peixe nada máis botar a cana, e reunían ao seu redor media ducia de gatos aos que enchían o bandullo sobradamente, e aínda volvían a casa coas mellores pezas para degustar coas súas familias.

Lembro un día que fomos aos baixíos da Torre, a carón da praia das Lapas. Para matar a fame entre que botabamos a sedela e a ceibábamos das rochas mercaramos unha empanada de zamburiñas. Despois dun tempo prudencial tirando con lapa sen ningunha sorte, ocorréuseme meter no anzol unha zamburiña das da empanada. Para abraio do meu amigo, aos trinta segundos un lorcho de bo tamaño emerxeu sacudíndose a tironciños.

Algo semellante sucedeu un día no porto, en plena avenida da Mariña, cando aínda atracaba a flota pesqueira e non só iates de luxo. O caso é que a enseada estaba ateigada de muxes de tamaños considerables. Os muxes son coñecidos por turrar contra calquera posible fonte de alimento, polo que se nos ocorreu engarzar unha miguiña de pan no anzol. Eramos conscientes de que en canto o pan humedecese se desprendería do anzol, e a marxe era moi escasa. Mais axiña picou un muxe enorme, tan gordo que apenas se remexía, e menos mal, porque a pouco que o intentase nos tería roto a sedela. Descoñecendo o xeito de manexar semellante bicho, pensamos en devolvelo ao mar. Entón presentouse un señor que levaba un anaco ao noso carón, e insistiu en mercárnolo. Dixémoslle que os muxes alí tan preto da gasolina dos barcos estaban contaminados, mais porfiou ata que aceptamos venderllo. Non sei se nos pagara catrocentas ou cincocentas pesetas, unha fortuna para nós. Fachendosos, guindamos outra vez a sedela. Desta volta non picou un muxe, non lles deu tempo a chegar, unha gaivota precipitouse ao albiscar o pan flotando, e deseguido se ergueu no aire dando chíos como endemoñada, co anzol enganchado no pico. O meu amigo tiraba da sedela tentando liberala, e a gaivota recruaba no balbordo de mil buguinas, con ducias de persoas presenciando a escena e dándonos consellos. Que cortásemos a sedela, que a soltásemos, que atrapásemos á gaivota e nos desfixésemos dela, que eran unha praga… Ao cabo duns intres interminables, cando xa nos preparabamos a cortar, a sedela desenganchouse. A gaivota buliu chiando aterrorizada de carraxe ata se perder mar adentro, no horizonte.

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

MÁIS ARTIGOS DE TITO PÉREZ EN XDC

MÁIS INFO

ÚLTIMAS

Touriñán, entrevistado polos intern@s do CP de Teixeiro: “O que quero, na vida e no traballo, é seguir xogando como un neno”

Experiencia de vida a que levou Xosé A. Touriñán a pasada semana. O popular...

O Teatro Colón ofrecerá concertos semanais de jazz co apoio da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña promove concertos semanais gratuítos de jazz no Teatro Colón, a...

Novos cortes de tráfico no cruzamento de Solymar para instalar a pasarela peonil

Unha vez habilitado o tráfico polo paso subterráneo na autovía AC-12, continúa a recta...

Unha avaría causa novos atrasos de máis de 30 minutos en trens que circulan entre Vigo e A Coruña

Unha avaría nas infraestruturas entre Vilagarcía de Arousa e A Escravitude causou atrasos de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here