InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Casa Gótica

Olladas doutro tempo: Casa Gótica

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

As cidades vanse transformando nun proceso natural e contínuo ó longo da súa historia. Non só medran en extensión, o seu desenrolo tamén implica modificar espazos ou trocar edificios vellos por outros novos. A urbe irá gañando calidade se as pezas destruidas son de menor valor que as novas  construcións. Pero isto non é o que sucede sempre. Cando o valor económico dun soar prevalece sobre o valor arquitectónico do que está construído sobre o mesmo, “asistimos a un proceso especulativo e destructor, que sustituirá unha antiga arquitectura por outra de menor valor, nun proceso de empobrecemento e degradación da cidade”, en verbas do  arquitecto galego Fernando Agrasar, no fantástico libro “A Coruña: arquitectura desaparecida” (COAG, 2004).

Se nos parásemos xusto no punto dende o que Juan Cancelo capturou esta imaxe en 1930, decatarémonos de que A Coruña sufriu unha grande perda nese lugar. Estamos a falar da avenida do Parrote, xusto na esquina coa praza do Parrote. Vemos o desnivel empedrado desa praza á dereita da imaxe, e ó fondo sobresae a robusta e bonita torre de campás da igrexa de Santiago. No encadre non sae o pazo de Capitanía, pero poderíamos velo nese mesmo lugar un pouco máis á dereita. Hoxe en día o que non podemos ver, por desgraza, é o edificio protagonista da fotografía: a casa gótica.

Erguido no século XV, tratábase do último exemplo de arquitectura gótica civil que quedaba na Coruña. A súa derruba prodúcese en 1936, uns meses antes do comezo da Guerra Civil. Na súa longa existencia fora residencia dos Condes de San Román, sede de Intendencia Xeral de Galicia, residencia do Conde de Maceda e sede do Asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados, antes de se trasladar esta institución ó asilo da rúa Adelaida Muro. No ano 35 os seus propietarios, herdeiros do conde de Maceda, tiñan a casa á venda por 60000 pesetas. A Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos tratou de que o Concello e a Deputación o mercaran a partes iguais para, posteriormente, restauralo e convertilo en Museo Provincial de Arqueoloxía e Belas Artes. Pero non o conseguiron, e a piqueta comezou o derrubamento en febreiro do ano 36, creando unha grande polémica na sociedade da época.

Segundo o arqueólogo José María Luengo, a Casa Gótica era un edificio excepcional e belísimo, e o máis importante de toda a provincia dentro do estilo oxival de finais do século XV. A fachada que daba á rúa do Parrote, a que vemos na fotografía, tiña na súa planta baixa un arco apuntado, que formaba parte dun soportal que continuaba pola fachada que daba á praza, e no primeiro andar, máis arcos formaban unha solaina. Todos eses ocos foronse cegando con tabiques, tralas diversas reformas que sufriu o edificio ó longo da súa historia. O seu estado no momento da imaxe era ruinoso, pero como tantos edificios antigos que, logo dunha reforma, poden recobrar o seu esplendor, para seguir aportando beleza e carga histórica ás suas cidades.

Hoxe en día, no seu lugar atopamos un edificio de vivendas vermello, de cinco andares, sen gracia, sen historia, sen nada de nada. Perdemos un edificio singular, gañamos en indiferencia arquitectónica. A demolición da Casa Gótica segue a ser un dos maiores atentados urbanísticos da historia da nosa cidade. Gustaríame pensar que coñecendo os erros do pasado poderemos evitar repetilos no futuro.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Investigan a un veciño da Coruña acusado de numerosos furtos en establecementos comerciais de Oleiros e concellos próximos

A Garda Civil identificou e procedeu á investigación dun individuo residente na Coruña como presunto autor dunha serie de...

Sábado de Estudios Abertos

Chega unha nova edición do esperado programa de Estudios Abertos, nos que poderemos entrar...

O porto da cidade recibirá máis de 170 cruceiros en 2025

A Autoridade Portuaria da Coruña confirmou a chegada de máis de 170 cruceiros en 2025, como resultado, explica,...

O ciclo TRC Danza volve ao Teatro Rosalía de Castro con 13 espectáculos contemporáneos

O ciclo TRC Danza exhibirá no Teatro Rosalía de Castro 13 propostas, cunha estrea...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here