A ciencia, como actividade intelectual con dimensións sociais complexas, está hoxe dentro dun debate cheo de tensións procedentes de correntes enfrontadas de pensamento. Comprobámolo coa pandemia con simplificacións e paradoxas protagonizadas por personaxes públicos que non resistiron a tentación de cuestionar ás recomendacións científicas, mais que contaron con ampla proxección mediática. O oportunismo político, mesmo en cuestións tan sensibeis como a ciencia, encubre unha rixidez de fondo, isto é, a da dominación sempre reproducida, Aínda que a ciencia sole identificarse cun reducto de especialistas fechados nos seus laboratorios, A Coruña leva 27 anos sacandoa á rúa, baixo a denominación do Día da Ciencia na Rúa, que se celebrará o vindeiro sábado, día 6 de maio. O parque de Santa Margarida converterase no lugar indicado para que 49 centros educativos da xeografía galega, xunto a organismos científicos como o Inibic do Chuac, a Universidade e o laboratorio do Instituto Oceanográfico desborden coas súas experiencias algúns dos descobrementos capitais relacionados coa ciencia nas súas múltiples variantes. Exhibición de xiroscopios xigantes, un hotel de insectos, ilusións ópticas, métodos destinados a producir electricidade con patacas, extración de ADN dun plátano ou diversos proxectos de robótica son só algunhas das ofertas que os asistentes poderán comprobar. E, por suposto, tamén poderán visitar a Casa das Ciencias e o Planetario, así como a Domus e o Aquarium Finisterrae, coincidindo coa Xornada de Portas Abertas, conmemorativa do Día da Ciencia na Rúa.
