InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Balneario de Riazor

Olladas doutro tempo: Balneario de Riazor

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A Sociedade de Hoteleiros, Fondistas e semellantes editou no ano 1911 a “Guía práctica para o viaxeiro”. Nela descríbense monumentos e actividades de ocio que puidesen interesar aos visitantes. Destácase coma un dos atractivos coruñeses “a fermosa praia de Riazor, un dos máis admirables sitios da poboación, e un dos paseos máis concorridos durante os días de verán”. Algo que podemos verificar ollando a fotografía.

Case palpamos ese ambiente festivo grazas ó obxectivo de Pedro Ferrer, quen captaría a instantánea nunha época seguramente cercana á publicación da guía. O artista parouse no paseo que bordeaba a praia á altura aproximada do coñecidísimo Playa Club, mirando cara ás Escravas e encadrou coma protagonista absoluto da imaxe o Balneario de Riazor. Esta instalación, ademais da súa actividade relacionada cos baños, era escenario de concertos
en verán e servía de miradoiro no inverno. Construiuse no ano 1874, e desaparecería en 1922.

Era a época na que Coruña uniuse á moda das cidades-balneario. San Sebastián e Santader puxeran de moda en España o turismo de praia, paseo marítimo e balneario. Coruña non vai ser menos, pois ten todo o que se precisa para satisfacer as ansias de ocio costeiro das clases altas, e tamén para os que buscan o mar por consello médico. O caso é que na cidade medra o número de casas de baños, ofrecendo todo tipo de servicios acuáticos relacionados coa saúde e o benestar. As dúas casas de baños máis frecuentadas tamén estaban situadas en Riazor: “A Primitiva” non só ofertaba baños de auga de mar e doce en pías ou bañeiras; tamén con auga traída de varios balnearios galegos coma Arteixo, Cuntis, A Toxa… Duchas, masaxes, electroterapia, ximnasio, esgrima e salóns de lectura competaban a súa ampla oferta. “La Salud”, pola súa parte, contaba con servicio de salvavidas, lanchas tripuladas e instalaba cordas para que os bañistas se puidesen agarrar nas inmersións. Tamén dispoñía de todo canto aparato coñecido na época para as terapias con auga.

Pero bañarse na praia a finais do século XIX ou principios do XX non era para nada coma agora. Un bando municipal de 1872, sendo alcalde Federico Tapia, obriga ó cumprimento de certas ordenanzas municipais sobre decencia pública.

Non só delimita zonas costeiras onde está permitido o baño, senón que tamén separa esas zonas por sexos, e recomenda tomar as “precaucións de honestidade e seguridade establecidas, de forma que estas dean tranquilidade a quen se baña e impidan que de maneira algunha se ofenda a vista dos habitantes da zona”. Tamén prohíbe “deterse a ver, observar e de algún modo incomodar ás persoas que se bañen”.

Federico Tapia, republicano convencido, tratou a Amadeo de Saboia como “señor” e non coma “maxestade”, tivo o primeiro enterro civil da cidade e derrubou as murallas para construír o Ensanche. Pero nunca imaxinaría a praia de Riazor chea de bikinis.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

As Vítimas do Franquismo retoman a petición de eliminar as distincións a Manuel Fraga

Hoxe foi presentado en roda de prensa o manifesto da campaña "Non queremos a...

Aquí tamén se fala segue colleitando apoios para normalizar o nome do Dépor

Mentres a cidade celebra os 25 anos do título de Liga, a mocidade estudantil...

Grazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

“Donde estea, estarei por ti, estarei contigo, porque é a forma superior de estar...

Comezan as obras dos novos accesos ao Chuac, que deberían estar rematados en 2027

As obras dos novos accesos ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) comezaron coa...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here