InicioCULTURAA Real Academia Galega inaugura na Rede o Ano Luísa Villalta

A Real Academia Galega inaugura na Rede o Ano Luísa Villalta

Publicada o

Por editor

Arrincou o 2024 e xa a gran protagonista arredor do Día das Letras Galegas ten adn herculino. A Real Academia Galega acaba de abrir na Rede o Ano Luísa Villalta coa posta en marcha na súa páxina web, academia.gal, da sección sobre a autora, neste ano no que ademais se celebra o vixésimo aniversario do seu pasamento aos 46 anos de idade.

A académica de número Ana Romaní traza o retrato da escritora coruñesa e percorre a súa obra. “Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico. É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón”, resume a poeta e xornalista, compañeira de xeración literaria da homenaxeada.

O sitio dedicado a Luísa Villalta (1957-2004) recolle tamén na súa estrea lembranzas sobre a autora da súa nai e a súa irmá, María Gómez e Susana Villalta. “Aconteceu a traxedia dunha vida roubada pero tivemos a sorte de contar cos seus pensamentos e o seu traballo. Luísa aportou e seguirá aportando moito en todos os ámbitos da cultura. O coñecemento da súa obra é enriquecedor para nós e para as xeracións vindeiras”, expresa Susana Villalta, que pon o acento na parte filosófica da súa escrita.

Música e literatura da man nunha autora singular

Ana Romaní recoñece a Luísa Villalta como unha escritora que se incardina no seu tempo e sempre atenta aos debates do momento en que viviu, pero subliña a capacidade que demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos. “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade”, resume nunha biografía que arrinca cos versos que Villalta anotara no lateral dun almanaque da editora portuguesa Assírio&Alvim en xaneiro de 2004, semanas antes do seu pasamento por mor dunha meninxite: “Escoito a voz / que me silencia: / comezo a expresar / o necesario”. “Os catro versos concentran algúns dos signos do orixinal alfabeto que codifica a indagación literaria da escritora. A voz e o silencio resoan na súa procura das interseccións e cruzamentos entre a poesía e a música; a expresión do necesario abre o espazo da paixón reflexiva na que se sustenta a súa obra”, define a académica.

Luisa Villalta tocando o violín nunha foto do arquivo familiar
Luisa Villalta tocando o violín nunha foto do arquivo familiar

Luísa Villalta, titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada. Así e todo, a música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral Concerto para un home só (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, Música reservada (1991), ou o ensaio O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega (1999).

Luísa Villalta cultivou a escrita teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos, resalta a biógrafa.

“Unha muller comprometida e crítica”

“A inconformidade maniféstase en Luísa Villalta na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais da fin do milenio e é unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega”, lembra Ana Romaní. Da súa ollada crítica á sociedade na que lle tocou vivir dan boa conta os artigos de opinión que escribiu entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 no semanario A Nosa Terra, recollidos postumamente n’O libro das colunas; ou o póstumo O Papagaio (2006), no que lles puxo versos ás fotografías de Maribel Longueira que testemuñan o derrubamento en mans da especulación urbanística do barrio coruñés que lle dá nome ao volume, epicentro ata o momento do comercio sexual na cidade.

A Coruña foi, nestas e noutras páxinas como as de En concreto, outra das materias principais da súa obra. Nela residiu a maior parte da vida que se truncou o 6 de marzo de 2004, pouco antes de que saíse do prelo este último poemario, recoñecido co premio Espiral Maior. O seu legado literario, producido en apenas quince anos, inclúe quince libros e numerosos artigos xunto a moitos outros textos diseminados en publicacións colectivas á procura de novos lectores e lectoras nestas Letras Galegas de Luísa Villalta.

Máis novas

Homenaxe ao coruñesismo “libre e inconformista” de Luísa Villalta

Luisa Villalta será a homenaxeada o Día dás Letras Galegas 2024

ÚLTIMAS

O deporte, unha fonte de LGTBIfobia

● O 66% das persoas enquisadas por ADI manifestaron sentirse discriminadas algunha vez na...

O vindeiro sábado 4 de maio, día de portas abertas nos Museos

Coincidindo co Día da Ciencia a Rúa en santa Margarida, poderemos dusfrutar da Xornada...

A Coruña acolle as mobilizacións centrais polo 1 de maio co foco na demanda de mellores salarios

A Coruña acolle os actos centrais dos sindicatos este 1 de maio, Día Internacional...

Detida unha persoa polo incendio nun edificio na Coruña no que foi rescatada unha menor

A Policía Nacional detivo a unha persoa por mor dun incendio nun edificio do...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here