A cuarta edición do ‘Encontro Mundial de Humorismo‘ (EMHU), que se celebrará na Coruña entre o 25 de abril e o 5 de maio, contará coa participación de grandes figuras do mundo do humor e a comunicación, entre eles Silvia Abril, Antonio Resines, Juan Herrera, Jordi Moltó, Raquel Martos e David Perdomo, con actuacións gratuítas, e segundas funcións, polo éxito de venda.
O director artístico do EMHU, Luís Piedrahita, presentou o contido do festival, acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario territorial da Delegación da Xunta na Coruña, Severino Álvarez; e a responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera, Goretti Castro. Ao acto, asistiron tamén algúns dos humoristas que actuarán no festival como Roberto Vilar ou David Amor.
“O humor funciona destruíndo para construír algo máis máxico, algo menos pesado, algo menos solemne”, sinalou Piedrahita que insistiu na “aceptación brutal” deste festival “na cidade e entre os comediantes de Galicia, de España e do mundo, que están desexosos de vir á Coruña”. A este respecto, apuntou que se venderon xa máis de 18.000 entradas. “Falta un mes e medio para os espectáculos e xa están todos esgotados”, recalcou para precisar que, por este motivo, tiveron que programar “segundas funcións” dalgún deles, como é o caso de ‘Celebreixon’, de Roberto Vilar.
A alcaldesa, pola súa banda, destacou que na Coruña e Galicia existe “tradición e nivel na comedia e o bo humor”. “Contamos cunha longa lista de referentes, da literatura á televisión e o cinema”, dixo. Na súa intervención, Goretti Castro describiu o EMHU como un festival “novo, de desconexión e de risa”, mentres Severino Álvarez incidiu en que con el se trae á comunidade autónoma “riqueza económica e cultural”.
PROGRAMACIÓN
Esta edición do festival amplía a súa duración a 11 xornadas continuadas de actuacións con figuras relevantes da escena galega e estatal como Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luís Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e ou trío Las R(h)umorosas, conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.
Entre as propostas de actividades paralelas do EMHU “gratuítas” están ‘El nicho’ de David Perdomo e Xosé A. Touriñán, que se celebrará o 25 de abril, ou ‘Match de impro’ que terá lugar o 27 do mesmo mes, ambas na sede de Afundación. Inclúe tamén relatorios como ‘Lo que me enseñaron los mayores’, de Jordi Moltó, o 30 de abril no Teatro Colón, ou ‘Cuidado con las bromas. Una mesa redonda sobre los peligros de la comedia’, o día 30 na sede de Afundación.
Ademais, Silvia Abril presentará o seu libro ‘Pérdidas de risa’, o 3 de maio na libraría Santos Ochoa, e ao día seguinte, Juan Herrera (creador de formatos como Humor Amarillo ou El Hormiguero), Álex Clavero, Luís Piedrahita e Raquel Martos participarán en ‘El negocio del humor’, onde debaterán sobre a comedia como “unha actitude ante a vida”. O “broche de ouro” das actividades paralelas será un dos podcasts “máis seguidos do momento” con ‘El sentido de la birra’. O seu presentador, músico, cómico youtuber, Ricardo Moya, entrevistará a Antonio Resines. Será o 5 de maio no teatro Colón.