InicioOPINIÓNRetroceso democrático e tendencias reaccionarias, ameazas ante as próximas Eleccións Europeas

Retroceso democrático e tendencias reaccionarias, ameazas ante as próximas Eleccións Europeas

Publicada o

Por Juan Díaz Villoslada

O vindeiro mes de xuño case 450 millóns de europeas e europeos dos 27 estados da Unión celebraremos eleccións ao Parlamento Europeo tras as realizadas hai cinco anos en maio de 2019. En España acudiremos o día 9 a esta votación dentro dun intenso ciclo electoral este ano marcado, polo momento, polos comicios galegos, vascos e cataláns. Nesta ocasión a votación europea non coincidirá ese domingo no noso país con ningunha outra convocatoria. Elixiremos 61 dos 705 escanos europeos, once máis que en 2019 tras a saída do Reino Unido polo Brexit, en circunscrición única estatal e mediante sistema proporcional sen barreiras electorais para a asignación de escanos ás forzas políticas que concorran.

Durante estes cinco anos Europa viuse inmersa nunha sucesión de crises que ademais agravan as consecuencias da Gran Recesión do decenio anterior, nas que as receitas máis neoliberais deron como resultado unha maior desigualdade e desafección cidadá. A COVID-19, que marcou un cambio cara a políticas de estímulo fiscal, a guerra rusa contra Ucraína e a consecuente crise enerxética, os altos índices de inflación e crecentes tipos de xuro que castigan duramente ás capas de poboación menos podentes ou a nova visión militarista no actual contexto xeopolítico, son escenarios que enmarcan a decisión que a cidadanía europea tome en xuño para o próximo quinquenio. É moi probable que estas sucesivas crises exacerben o descontento cidadán co consecuente reflexo en urnas.

O pasado mes de outubro de 2023 o Comité Europeo das Rexións publicou o seu novo informe anual sobre o estado das rexións e cidades. Na complexa gobernanza da Unión Europea, o papel dos Estados a través do Consello, e en certa medida da Comisión, segue sendo esencial en detrimento do papel do Parlamento, a pesar de que no proceso co-lexislador a cámara europea foi gañando algunhas posicións. Pero convén tamén coñecer a visión do sector subestatal, dos poderes rexionais e locais, para interpretar máis claves do momento europeo. Non esquezamos que 1,2 millóns de cidadáns teñen algún mandato electoral local ou rexional.

O Comité das Rexións observa como a confianza da cidadanía na democracia está relacionada negativamente co aumento das desigualdades socioeconómicas. O Informe de prospectiva estratéxica de 2023 da Comisión Europea sinala as ameazas para a democracia e o contrato social existente como un dos retos crave no camiño da UE cara á sustentabilidade social e económica. Segundo este informe, “o contrato social existente non é totalmente adecuado para a nova realidade socioeconómica”.

O Comité apunta a unha relación importante entre o estado da democracia e a inclusividade da democracia, referíndose á súa apertura cara a todos os grupos sociais. A principios de 2022 todos os índices democráticos mostran que a recesión democrática do mundo continuaba, con desafíos, ademais dos apuntados, como o permanente aumento do custo da vida, o aumento dos movementos populistas, as ameazas provocadas pola desinformación e a crecente polarización das opinións.

A confianza da cidadanía na UE é do 47% en xullo de 2023, dous puntos menos que no verán de 2022, segundo o Eurobarómetro, aínda que segue sendo algo maior que no período 2009-2021, tras a crise financeira e a pandemia. Pero a proporción de enquisados que cren que a súa voz conta na UE (42%) diminuíu en tres puntos respecto do verán de 2022.

A pesar destes datos, as política da UE teñen un alto impacto nas políticas de cada estado, de cada rexión, de cada localidade. Vémolo case a diario en materia agraria, pesqueira, enerxética, monetaria, migratoria, etc. Gran parte da lexislación nacional derívase da necesaria transposición de directivas comunitarias. A gran panca de investimento que están a supoñer os fondos de reconstrución Next Generation está a esixir importantes reformas internas nos principais estados beneficiarios, entre eles e de forma destacada España.

Antes a crise climática, non podemos renunciar a impulsar políticas de transición enerxética, a pesar de negacionismos interesados. Ante os novos sistemas dixitais intelixentes temos que garantir os dereitos cívicos e persoais. As crises sufridas obríganos a reforzar as capacidades estratéxicas de Europa que se externalizaron a países con menores custos.

Pero o camiño debe de orientarse desde unha visión máis cidadá, menos corporativa ou multinacional. Os grandes lobbies non poden determinar a axenda pública. As constantes apelacións actuais cara ao rearmamento militar, a falta de consenso europeo no masacre do pobo palestino cunha débil defensa dos Dereitos Humanos, non poden ser a carta de presentación para o próximo quinquenio europeo. As políticas migratorias deben afrontarse desde unha perspectiva receptiva, plural e integradora.

Europa non debe deixarse guiar só pola visión atlantista. Europa debe de reforzar e actualizar un modelo social que permitiu melloras sociais e económicas importantes durante a segunda metade do século XX. Agora, na primeira parte do XXI Europa ten que volver asinar un novo contrato social e de maior democracia.

 

Máis artigos de Juan Días Villoslada en XdC

A nova estratexia galega de mobilidade vai dar resposta ás necesidades de Transporte Público na área coruñesa?

O litoral de Galicia, unha competencia irrenunciable

ÚLTIMAS

A veciñanza do Castrillón amosa as súas inquedanzas ante a creación de 1.000 novas vivendas

1.000 novas vivendas supoñen un incremento poboacional importante. Por iso, a veciñanza do Castrillón,...

Mariscadores da ría do Burgo secundan unha nova protesta en demanda de axudas tras o dragado

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo demandaron o pago de axudas mentres non...

Abre na Coruña un Centro de Atención Continuada para persoas en risco de exclusión social

O Concello da Coruña puxo en marcha o Centro de Atención Continuada de Pai...

Detidos un pai e un fillo na Coruña tras fuxir da Policía, alertada de posible caso de violencia de xénero

Dous homes, un pai e un fillo, foron detidos tras fuxir na Coruña da Policía...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here