InicioMOV. SOCIAISOs múltiples impactos do Encontro da Rede Acampa pola Paz

Os múltiples impactos do Encontro da Rede Acampa pola Paz

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Rematou o VIII Encontro Internacional da Rede Acampa pola Paz, que volveu converter os Xardíns de Méndez Núñez no epicentro mundial da solidariedade. Trala ambiciosa xornada de presentación, foron tres días de exposicións, mesas de debate, charlas, cifras… que serven para poñer enriba da mesa, sen tapuxos, a realidade mundial sempre coa idea da defensa dos Dereitos Humanos como fío condutor, coa rítica situación da Infancia e da mocidade en medio planeta como foco.

Unha das conclusións máis importantes é que os Encontros chegan cada a máis xente non activista, un dos grandes obxectivos da Rede. ”Acampa pretende chegar a xente que non participa habitual e activamente nas accións de activismo, por iso ver as súas caras de sorpresa e de emoción ao escoitaren os relatos das ponencias é moi importante”, explica Xosé Abad, do comité organizador.

”Temos claro que para transformar as nosas cabezas, para ter unha mellor capacidade crítica para facer as nosas escollas, por exemplo na votación, necesitamos ter boa información, crible e veraz, pero tamén necesitamos emoción, que é a que nos fai fixar esas ideas”, explica un Abad, que destaca que nestes encontros “cóntannos informacións que non nos chegan polas redes, que veñen directamente de xentes que están traballando no campo”.

Con todos estes ingredientes, o Encontro viviu “un ambiente máis unido que nunca”, conscientes de que para “temos que unirnos para loitar pola defensa dos Dereitos Humanos, tamén aquí, onde están en retroceso como o comprobamos hoxe mesmo cos resultados das Eleccións Europeas”, valorou Abad.

Rede Acampa pola Paz 2024 Coruna-Minuto silencio Gaza
Solemne minuto de silencio se viviu diante do memorial de Gaza

A “confirmación”

”Para nós unha das princpais conclusións é a confirmación dos Encontros tanto a nivel comarcal, como mundial, pois estamos tendo unha repercusión mediática nacional e internacional tanto en medios impresos como en TV”, explica un Abad que este luns está pendente de conversas con varias radios de América Latina que mesmo retransmitiron en directo os Encontros (gracias á rede de CuacFM).

Con todo, é certo que “a nivel galego non recibe a atención que merece, pero si imos notando interese doutras zonas de Vigo, da Universidade… Si que saíu algo na TVG, na Radio Galega… pero debería ter máis presenza a nivel autonómico”, recoñece Abad. “Para nós é importante, porque a mensaxe fundamenal de Acampa é que a unión é imprescindible para a defensa dos Dereitos Humanos. Queremos que outras vilas, como fixo Narón, se unan á rede. Cremos que ten que se incrementar esa suma de organizacións e persoas á Rede Acampa pola Paz”, aporta.

Os momentos máis importantes

Rede Acampa pola Paz 2024-Coruna-Publico
A carpa estivo chea en varias actividades

Chea a rebosar estaba a carpa central dos Encontros en momentos cumio onde xentes que traballan a pé de campo compartían as súas experiencias máis persoais. As charlas, de Vicente Raimundo (director de cooperación de Save The Children), e Ruth Conde (responsable de Médicos sen Fronteiras en Gaza), así como o seu debate moderado por Juan de Sola; ou a participación de Raquel Martín (de UMRWA) provocaron o máximo interese entre o público, demostrando un altísimo nivel das ponencias e debates desta edición.

Haydee Castillo
Haydeé Castillo recollendo o recoñecemento Internacional Acampa pola defensa dos Dereitos Humanos

A visita e proxección dun mediático Nicolás Castellano, ou a intervención brillante e emotiva de Haydee Castillo, ao recoller o Recoñecemento Internacional Acampa en foron outros dos momentos máis álxidos. Foi o portavoz de SOSSanidade Pública, Manuel Martín García, o que recibiu o recoñecemento a nivel galego.

Rede Acampa 2024-Manuel Martin SOS Sanidade Publica
Manuel Martin de SOS Sanidade Pública recollendo o recoñecemento galego

O Impacto das exposicións

Exposicion da Rede Acampa de Majdi Fathi
Majdi Fathi, o fotógrafo palestino autor da imaxe do cartel desta edición, non puido conseguir o visado para visitar a súa exposición

Abad destaca tamén o “impacto na cidade” das mostras fotográficas de gran tamaño, que estarán tanto nos Xardíns de Méndez Núñez como no Obelisco ata fin de mes. “Son mostras de nivel internacional, que causan un impacto na cidade grande, pois por diante delas pasan máis de 250.000 persoas ao longo do mes”.

Podedes ficar impactados coas imaxes de Majdi Fathi do xenocidio de Gaza; a crúa realidade dos nenos escravo en Benin e Gabón da man de Ana Palacios; a dura inclusión escolar das crianzas con diversidade no Senegal gracias ás imaxes de Marta Moreira, entre outras.

Campo simulado de persoas refuxidas
Campo simulado de persoas refuxiadas instalado nos Xardíns tamén causou impresión

Unha organización voluntaria

É impresionante pensar que todo este conglomerado de actividades está organizado, de forma voluntaria, e por apenas unha vintena de persoas. Pero así é a Rede Acampa pola Paz, na cidade da Coruña, que nin sequera ten local (se alguén llo cede estarán encantados en recibilo), pero que consegue facer da cidade o gran centro mundial da defensa dos Dereitos Humanos unha vez ao ano.

O núcleo duro, que está todo o ano concentrando enerxía e esforzos, e cartos, nestes encontros, está formado por unhas 7 persoas. Ademais, as entidades que participan na rede, que ao longo do ano van aportando ideas, actividades, charlas… e o seu voluntariado para os días sinalados.

Aseguran, satisfeitos, que cada ano se incorpora máis xente e máis entidades, de feito, seguro que nacen máis redes por Asturias e America Latina.

A única eiva: A mocidade

Como único punto a mellorar, dende Acampa se decatan de que falta a mocidade. “Temos que intentar chegar a xente máis nova. Non sabemos aínda o truco, e por moito que preguntamos non atopamos a chave”, recoñece Abad. “Estamos a falar do mundo que vén, que é o seu. Tocaralles comezar a participar”, sinala esperanzado.

Máis novas

A Rede Acampa mergúllanos no campo de exterminio de Gaza

O Encontro Internacional Acampa volve converter os Xardíns no epicentro da solidariedade mundial

A activista nicaraguana Haydée Castillo e o voceiro de SOS Sanidade Pública recibirán o Recoñecemento Acampa

EDICIÓN 2023:

A cidadanía herculina demostrou a súa conciencia crítica na Rede Acampa

 

ÚLTIMAS

A veciñanza do Castrillón amosa as súas inquedanzas ante a creación de 1.000 novas vivendas

1.000 novas vivendas supoñen un incremento poboacional importante. Por iso, a veciñanza do Castrillón,...

Mariscadores da ría do Burgo secundan unha nova protesta en demanda de axudas tras o dragado

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo demandaron o pago de axudas mentres non...

Abre na Coruña un Centro de Atención Continuada para persoas en risco de exclusión social

O Concello da Coruña puxo en marcha o Centro de Atención Continuada de Pai...

Detidos un pai e un fillo na Coruña tras fuxir da Policía, alertada de posible caso de violencia de xénero

Dous homes, un pai e un fillo, foron detidos tras fuxir na Coruña da Policía...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here