O pasado 1 de maio zarpaba de Oslo o Buque Handala. A Flotilla da Liberdade percorre media Europa para levar unha marea de axuda humanitaria Rumbo a Gaza, e de paso ir espallando a semente da resistencia polos pobos europeos en contra do xenocidio para co pobo palestino.
O compromiso da comunidade galega para co pobo palestino está máis que demostrado, e aínda onte a Universidade da Coruña certificaba o seu apoio promovendo unha Cátedra sobre Palestina e evitando participar en actos con entidades de Israel. Así, dentro do Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina que colaboran nesta Flotilla atopaos entidades como a Asociación Galaico Árabe Jenin, Asociación Galiza por Palestina, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes máis a Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía.
Desde hai meses este Comité, en coordinación coa Coalición da Flotilla da Liberdade, está a traballar para garantir o avance do barco e participar na súa misión de denuncia do brutal bloqueo de Israel e, desde Outubro 2023, do xenocidio do pobo palestino.
Todas chaman á sociedade galega a recibir o buque Handala cun acto festivo e reivindicativo este xoves día 27 ás 19h no porto da Coruña, no Dique de Abrigo Barrié de la Maza.
A xornada de benvida contará coa voz de Quico Cadaval, quen fará o discurso de benvida en nome do Comité Galego de Benvida á Flotilla da Liberdade.
Visita a Oleiros
Non cabe dúbida que Oleiros é un dos Concellos máis comprometidos, dende hai case 40 anos, co pobo palestino. E por iso Oleiros será unha das 5 paradas que a Frotiña da Liberdade realizará na península Ibérica na súa travesía ata Gaza,
O Goberno municipal recibirá oficialmente á tripulación que comanda o capitán Clive Haswell, que participará nun coloquio no auditorio da Fábrica este venres 28 de xuño, ás 20.00 horas.
O Concello é crú sempre nas súas comunicacións: “Pídese que a potencia colonial ocupante acate a legalidade internacional cumprindo coas resolucións das Nacións Unidas e os organismos internacionais que lle obrigan a poñer fin á ocupación -incluída Xerusalén Este-, ao bloqueo, a derrubar o muro de ocupación, a permitir o regreso da poboación refuxiada que expulsou e compensala polos danos e prexuízos. Ademais, a potencia ocupante debe ser xulgada polos crimes cometidos”.
O día 30 o buque continuará rumbo a Gaza con paradas nos portos de Cascais e Málaga para continuar a súa ruta polo Mediterráneo e prevista a súa chegada ás costas de Gaza en Agosto.
PROGRAMA COMPLETO
XOVES 27 – A Coruña (Dique de Abrigo)
- 19:00: ENCONTRO NACIONAL DE BENVIDA AO BUQUE HANDALA.
Actividade musical e pregón de benvida a cargo de Quico Cadaval, director teatral e narrador.
VENRES 28 – SANTIAGO DE COMPOSTELA
- 10:00: Recepción do presidente do Parlamento de Galicia
- 10.30: Rolda de prensa na Sala de Prensa do Parlamento de Galicia
- Visita guiada a Compostela e ao Museo do Pobo Galego.
- 19:00. Recepción no Concello de Santiago de Compostela a cargo da Excma. Alcaldesa Goretti Sanmartín.
VENRES 28 – OLEIROS
- 19h, Recepción na Casa do Concello de Oleiros
- 20h. Conversar: conversa co capitán do barco. Gala da Poesía na… coa participación de Candido Pazó, Isa Risco e Xurxo Souto.
SÁBADO 29 – A Coruña
- 10h. Recepción pola presidencia da Deputación da Coruña
- 11h. Recepción na Universidade da Coruña
- Gala artística solidaria organizada por Pallasos en Rebeldía e despedida da tripulación.
Máis novas
A Flotilla da Liberdade chegará o 27 de xuño ao porto da Coruña para denunciar a situación en Gaza
A UDC promoverá unha cátedra por Palestina e non participará en actos con entidades de Israel