InicioCULTURACarmen Pereira, mestra de Primaria: "A rapazada precisa máis contido galego"

Carmen Pereira, mestra de Primaria: “A rapazada precisa máis contido galego”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Seguimos a serie de entrevistas lingüísticas que nos serven para analizar as conclusións do último informe do IGE que vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

Ademais, a situación da cidade A Coruña é sintomática, onde apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utilizamos sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán (só superado por un punto por Ferrol) e un 25% emprega máis o castelán que o galego.

Temos falando con xentes do sector da Cultura, do mundo das TIC, do terceiro sector e mesmo con familias coas que analizamos a situación lingüística a pé de vida.

Hoxe imos analizar, coa axuda de Carmen Pereira, un dos sectores que peor saen parados do informe: o ensino. A mestra de Primaria no CEIP Torre de Hércules, ceense de nacemento, e xa de Monte Alto de adopción, danos a súa visión máis persoal sobre o estado do galego no ensino e no seu barrio.

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

Creo que os resultados do informe son duros de asimilar mais non resultan sorprendentes. Agardo que o impacto que causan sexan motivo suficiente para un acordo nas políticas lingüísticas en defensa e normalización do idioma.

A nivel educativo, levo 9 anos exercendo como docente. Poden sentirse diferenzas a nivel sociolingüístico entre o rural, as vilas e as cidades, con máis presenza do galego no rural e vilas. Mais dende a miña experiencia (en vila e cidade) sempre sentín a desigualdade entre as dúas linguas.

A cativada galegofalante é minoritaria, cambiando mesmo de rexistro cando se atopa en grupos nos que praacticamente se fala castelán. Ademais, o alumnado castelanfalante mostra moitas dificultades para comunicarse en lingua galega, recurrindo ao castelán incluso nas materias impartidas en galego. Só aprendendo a usala e usándoa, poderemos garantir o seu coidado. O noso papel como docentes é fundamental aquí.

  • Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Dende a miña experiencia persoal, o cambio foi inverso. O meu compromiso coa lingua medrou canda min, e nunha cidade tan castelanizada como é Coruña, sentín a necesidade de ir atopando e vencellándome a contextos sociais nos que a lingua e a cultura galega son prioritarias. Asociacións como Son d ́Aquí en Monte Alto ou Donaire, déronme un espazo no que estar en contacto coa tradición galega, crear redes de amizades coas que empregar máis a lingua galega e participar en actividades comunitarias a prol da cultura de raíz. Supoño que neste reduto, pensas que se avanza e que a lingua e a tradición galega poden estar vivindo un momento de luz.

Precísanse máis espazos en diferentes eidos nos que a lingua esté presente e normalizada en grupos sociais diversos.

  • A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Fun criada en castelán e empreguei maioritariamente o castelán ata a idade adulta. Mais tiven a sorte de contar tamén cun núcleo familiar galegofalante ao que estou moi unida e no que escoitei e empreguei o galego dende nena.

Dependendo do contexto, varío de lingua de forma inconsciente. É innegable que me favorece que se dirixan a min en galego para continuar a conversa nesta lingua, de aí a necesidade de relacionarme en espazos nos que a lingua galega é prioritaria.

  • Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Na cidade en xeral síntese que o castelán ten unha presenza que impresiona. Creo que os espazos que coñezo nos que o uso do galego está normalizado son poucos. A librería Sisargas, coa que contamos para a renovación de fondos da biblioteca de centro, o Fiandón, a Cova Céltica, o Centro Social Gomes Gaioso… así como as Asociacións culturais, son algúns exemplos que contribúen á presenza do galego no barrio e arredores.

  • No eido educativo, como valoras o uso do galego? Parece que a nivel administrativo os centros si que tratan de manter a presenza do galego, pero como é a realidade nas aulas?

Como comentei antes, a lingua galega está en minoría no eido educativo. Dende a Adminstración, o decreto para o plurilingüismo do 2010 prexudica esta situación. O equilibrio entre as linguas non é real. Reducir ou relegar o uso do galego a unhas materias concretas, sen valorar a súa presenza a nivel vehicular non fai máis que entorpecer o ensino e o desenvolvemento da lingua galega na rapazada.

Precisamos accións encamiñadas a entender a lingua como un dos bens culturais máis importantes que temos e integrala en todos os ámbitos sociais.

  •  Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Volvo a remitir ao decreto para o plurilingüismo. O decreto do 33% dá o mesmo espazo ao inglés, castelán e galego, cando esta última é minoritaria e ten síntomas de minorización, polo que lexislativamente queda en situación de desprotección. A escola precisa plans e accións encamiñadas á normalización da lingua en todos os campos.

Tras os resultados do informe, espérase que se den os pactos necesarios para a reforma deste decreto.

  • Que melloras se poden implatar?

Valorar a implementación de plans e accións que velen pola normalización da lingua, con orzamentos destinados a este fin, que favorezan a súa presenza en todos os eidos sociais e non pasen por ser só dinamizadoras da lingua en actividades organizadas de xeito puntual e aillado. Por exemplo, as que pertencemos a esa marabillosa Xeración Xabarín, vivimos nunha eterna nostalxia agardando que se siga avanzando na igualdade de contidos audiovisuais infantís na nosa lingua. A rapazada precisa máis contido galego, traducións nas plataformas, ou o acceso a proxecións de filmes nos cines. A literatura, o cine, a música, o xogo… desenvolven a creatividade, o razoamento e a estimulación da linguaxe na etapa infantil; de aí a importancia de contar con recursos deste tipo en galego.

  • O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

A presenza de medios en galego é fundamental. A nivel educativo, e como coordinadora do equipo de biblioteca do centro, tratamos de garantir un alto porcentaxe de fondos en galego, fomentar os encontros con escritores e escritoras, estamos suscritas ao xornal infantil O Papagaio que na nosa escola ten un éxito clarísimo.
Igualmente, os proxectos documentais integrados que levamos propoñendo estes últimos cursos sitúan como centro de interese aspectos da cultura tradicional e popular galega. Para desenvolver estes proxectos de investigación, contamos cunha selección de libros vencellada a temática, creamos unha lista de música en galego, consultamos medios…

Penso que ter figuras de referencia en todos os campos é moi importante nese camiño cara a normalización do idioma que comentaba antes. Xornais, contas nas redes sociais, comunicadoras e comunicadores en galego como Dígocho eu, Konachadas, Orgullo Galego, Rodri Míguez, Pradorúa, Rebelico Revista, Nós Diario… Fan un labor moi positivo coa divulgación do seu contido, que ben se pode empregar na escola e ser orixe e motivación para outras actividades coa rapazada.

  • Antes de marchar, ti que controlas moito destas cousas, por que non nos deixas unha serie de recursos para que as familias poidamos ofrecerlles máis contidos en galego ás nosas crianzas?

Hai moitas cousas. Por exemplo, estes anos estou utilizando unhas listas de música de Spotify:

Na rede temos Pipocas (Filmes e series en galego), o Digochiño da G24 CRTVG ou mesmo a APP Xabarín TV.

Se buscamos regalos en plan xogos de mesa, os BRINQUEDOS de OZOCOgz Deseño Galego

Para acougar un pouco nalgún momento social, os Xogos móbil do Portal das Palabras son estupendos.

Hai algunha serie de Contacontos en galego, con bastante contido.

E así de bandas a min de por aquí encántame o rock infantil de Pakolas e a marcha que ten “A Gramola Gominola”, que trae ademais unidades didácticas e actividades.

 

Outras entrevistas Lingüísticas

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

 

ÚLTIMAS

O BNG reprocha á alcaldesa da Coruña ter “descoidado o día a día” da actividade municipal

No marco do cruce de declaracións arredor da negociación dos orzamentos de 2025, tócalle...

O PP da Coruña ofrece diálogo ao PSOE para negociar o orzamento de 2025 pero convida á alcaldesa a “irse”

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, trasladou...

A UDC participa nun proxecto nacional sobre a educación plurilingüe

A Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto nacional sobre o futuro da educacion...

Más dunha trintena de artistas participarán no Nonviolencia Activa Fest

Xa non queda nada para que o sábado 23 de novembro a partir das...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here