InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIO60 entidades convocan a V Marcha pola devolución da Casa Cornide

60 entidades convocan a V Marcha pola devolución da Casa Cornide

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

No marco da polémica pola apertura e a falta de contundencia da Xunta para cos Franco, 60 entidades da cidade convocan para o vindeiro sábado, 14 de decembro, con saída ás 13 horas da praza de María Pita da Coruña a V Marcha pola devolución da Casa Cornide, hoxe en poder da familia do ditador Franco.

Baixo o lema “Fóra os Okupas da Casa Cornide”, as entidades convocantes buscarán unha grande demostración social como a vivida en novembro de 2023, lembrando a necesidade de establecer medidas, non só para abrir polo menos 4 días ao mes a Casa Cornide, como obriga a todos os edicifios considerados Ben de Interese Cultural (no caso da Casa Cornide aprobada) o 27 de abril de 2023) a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, senón que vai máis alá e pide a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal, tal e como foi aprobada por unanimidade no Pleno municipal de 12 de setembro de 2019.

Por iso, piden que o concello presente unha demanda no xulgado para recuperar a propiedade.

“Se os Franco non queren asumir eses gastos deberían devolver esa propiedade ao concello da Coruña”, sinalan as entidades que lembran que o Pleno municipal da Coruña de 11 de setembro de 2017 declaraba aos Franco como “persoas non gratas”.

As entidades critican a “ridícula” sanción de 3.000€ proposta pola Xunta. “A Xunta de Galicia non aplica unha sanción exemplar ao Franco por negarse reiteradamente a cumprir a lei, e a familia do ditador propón a apertura da Casa Cornide se hai un convenio coa Xunta. Estamos ante unha chantaxe, absolutamente inaceptable, que xa aceptou a Xunta de Feijóo no caso do pazo de Meirás, pagando aos Franco máis de 50.000 euros a través de varios convenios, que non se pode repetir”, denuncian.

O Manifesto da convocatoria da V Marcha esixe ao Goberno Municipal que traslade á Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, sen máis dilación, a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, principais promotores do espolio do pazo de Meirás e Casa Cornide para beneficio do ditador Franco. E que execute xa a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións a 14 persoas pola súa participación no Golpe de Estado de 1936, colaboradores ou cargos públicos na ditadura ou que participaron na represión, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, independentemente das futuras ampliacións do informe dese Instituto.

Apoios provisionais.

Defensa do Común, CRMH, ARMH. Organizacións políticas: Sumar, BNG, Marea Atlántica, Unión Republicana, PCG, Verdes-Equo, Sada Maioría, Alternativa dos Veciños, Corrente Vermella, Podemos. Sindicatos: CIG, UGT, CCOO, CUT, CNT, CGT. Asociacións Veciñais: Federación de Asociacións Veciñais da comarca da Coruña, Agra do Orzán, Monte Alto, Palavea, Eirís, Labañou, San Cristobal das Viñas-Birloque, Feans, Gaiteira-Os Castros, Castrillón-Urbanización Soto. Asociacións Culturais: Alexandre Bóveda, O Facho, Gomes Gaioso, Irmáns Suárez Picallo de Sada, Eira Vella de Betanzos. Campo de Pena de Palavea, Vieiros das Mariñas, Roxín Roxal de Paderne. Manchea, Plataforma en Defensa da Ría de Sada-Betanzos, Acampa, Forum Propolis, Vangarda Obreira, Irmandade Moncho Valcarce, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ergosfera, Ecoloxistas en Acción, Proxecto Cárcere, Hábitat Social, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Xuventudes Comunistas de Galicia, Erguer, Sindicato de Estudantes, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amigos dos Museos de Galicia, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, Cultura Aberta de Carral, Amnistía Internacional.

Máis novas

A CRMH volve esixir á Xunta que resolta a apertura da Casa Cornide e sancione aos Franco

Rueda afirma que serán “moi estritos” co Franco na Casa Cornide: “Non hai ningún tipo de favoritismo”

A Xunta propón sancionar con 3.000 euros á familia Franco por non abrir ao público a Casa Cornide

Centos de persoas volven reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide

ÚLTIMAS

O Monte Mero espera a nova urbanización de 4.300 vivendas protexidas

Anunciaba a semana pasada a Xunta os novos proxectos de Interés Autonómico (PIA) en...

Levan ao Valedor do Pobo “o roubo da Casa Cornide”

Coa V Marcha pola Devolución da Casa Cornide convocada para o vindeiro 14 de...

Detida por levar xoias e diñeiro da casa na que limpaba en Cambre

Axentes da Policía Nacional detiveron en Cambre a unha muller como suposta autora de varios delitos de...

Os medios cos que Salvamento Marítimo loita contra a contaminación contarán cun almacén en Punta Langosteira

A Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) contará cun almacén loxístico no porto exterior da...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here