Quixo explicar esta mañá o BNG en rolda de prensa a súa abstención na votación sobre as bases estratéxicas do Master Plan da Comisión Coruña Marítima. O seu voceiro Francisco Jorquera realizou, trala crítica lanzada onte pola Marea, unha rolda de prensa na que explicou que “a posición final do BNG se fixará en función de como se resolvan os asuntos como o mantemento da titularidade pública, a condonación da débeda ou o financiamento do proceso de urbanización e transformación dos peiraos”.
As “luces”
Jorquera lembrou que ve “luces e sombras” no documento aprobado finalmente, porque conteñen “elementos positivos”, mais tamén aspectos que “nos merecen reservas e cautelas”. Jorquera valora moi positivamente o aproveitamento da infraestrutura ferroviaria existente no porto para implantar servizos ferroviarios de proximidade, “un compromiso que ademais figura no acordo de investidura subscrito no Estado entre o PSOE e o BNG”.
Jorquera tamén destacou que se recolleran achegas de entidades sociais e económicas na comisión especial municipal que é mesmo presidiu, como a “creación de infraestruturas verdes para corrixir a baixa ratio de zonas verdes que hai na Coruña ou o despregamento de actuacións que equipen a nosa urbe fronte ás alteracións climáticas e a elevación do nivel do mar, sen esquecer o estudo da renaturalización da desembocadura do río Monelos”.
”As sombras”
Pero pola contra, recoñece que o documento contén “outros aspectos que nos merecen reservas ou cautelas”, e sinalou que precisamente de como se resolvan esas cuestións “vai depender a posición final do BNG”.
As principais “reservas” que ve o BNG teñen que ver co “asunto da titularidade dos terreos portuarios e do financiamento da transformación urbana que se proxecta, coa forma en que se aborde a débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria como pano de fondo”.
Nese sentido, Jorquera pon o acento na contradición que supón que no documento das bases estratéxicas se fale por un lado (páxina 11) do “interese común en manter a titularidade pública dos espazos” e, polo outro, de “atender os compromisos e acordos dos convenios subscritos en vigor para a financiación da construción do porto exterior, xunto co financiamento da débeda da Autoridade Portuaria, mediante a obtención dos aproveitamentos urbanísticos necesarios” (páxina 26).
Convenio 2004
A ese respecto, o BNG quere deixar moi claro que, ao seu xuízo, “os convenios de 2004 -que prevían a venda de solo do porto para financiar Punta Langosteira- deben darse definitivamente por superados”, o que significa que calquera abordaxe da débeda do porto debe evitar pasar pola venda de activos. “A solución da débeda debe ser ou a condonación ou unha formula equivalente. Quero lembrar que o Goberno central condonou a débeda do porto de Valencia, por un importe moi superior ao débito do porto da Coruña”, remarcou Jorquera.
Nese sentido propón a creación dun Consorcio coa participación de todas as administracións competentes para acometer a transformación dos terreos portuarios, e que permita a condonación da débeda e a xestión conxunta dun proxecto tan importante para o futuro da cidade.
Urbanización
Canto á hipótese de que se na nova fronte marítima se introduzan usos residenciais, o portavoz nacionalista quixo deixar claro que “se hai vivenda, ao noso xuízo hai que asegurar o mantemento da titularidade pública dos espazos, evitando densidades excesivas e por suposto evitando que se torne nunha illa para ricos”.
Nese sentido, defendeu que se combinen “os eventuais usos residenciais con outros (zonas verdes, equipamentos, polo de innovación ligado á economía verde e azul, a un porto que continúe a ser motor económico da cidade) e que as solucións habitacionais sexan diversas -prevendo a construción de, por exemplo, residencias de estudantes e investigadoras/es- e asegurando unha ampla oferta de vivenda de promoción pública”.
En todo caso, enfatizou Jorquera que “é perfectamente compatíbel a construción de vivendas co mantemento da titularidade pública dos terreos. Por exemplo, se a Xunta ou empresa pública que anunciou Pedro Sánchez se fai con parte do solo do porto ou se aplica o modelo concesional para promover vivenda en alugueiro”.
Sobre a hipotética construción dun “espazo multiusos cuberto de grande capacidade en San Diego”, Jorquera defendeu que “antes de pensar en novos equipamentos é ben coidamos aqueles que xa temos”, dixo en alusións ás deficiencias que presentan instalacións como o Pazo da Ópera ou o Fórum Metropolitano.
O Concurso “internacional
Ao Bloque merécelle tamén reservas que se o opte por un “concurso internacional por procedemento restrinxido, polo perigo de que se limite a posibilidade de concursar, en igualdade de condicións, ás persoas expertas locais”. “Cremos que é necesario aproveitar e poñer en valor o coñecemento existente na Coruña e na Galiza”, estendeuse Jorquera.
Máis novas
Entidades da Coruña reclaman que a fachada marítima aposte por un porto ligado á economía do mar
Outras novas
As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas