InicioCULTURAAsociación Cultural de Estudos Históricos de Galicia presentou o novo número da...

Asociación Cultural de Estudos Históricos de Galicia presentou o novo número da revista Nalgures

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Este xoves 30 de xaneiro, o Sporting Club Casino da Coruña acollía a presentación do tomo XXII da revista Nalgures. Este tesouro, un dos 140 medios en galego que temos no país, está editado pola Asociación Cultural de Estudos Históricos de Galicia e conta coa colaboración dos mellores historiadores da nosa xeografía.

Onte, o protagonista foi o investigador Carlos Pereira Martínez que ofreceu unha conferencia sobre o obxecto da súa investigación recollida en Nalgures, no que aborda “O espiritismo na cidade de Ferrol no século XIX: O centro La Reencarnación”. Tamén foron protagonistas as mulleres vinculadas ao movemento do espiritismo, moi militantes e protagonistas naqueles tempos. Emocionante o escrito que deixou unha delas debullando como quería que fose o seu enterramento, sen parafernalias católicas, pero con gran sentimento.

Carlos Pereira Martínez presentando a revista Ningures
Carlos Pereira Martínez

Numerosas temáticas

Ese precisamente é un dos temas que aborda este número da revista. Pero son moitas máis as temáticas que, de xeito profundo, recolle o número.

Arturo Abad Pardo publica “A guerra de sucesión en Galicia: contribucións económicas da cidade e provincia de Tui á causa de Felipe V na guerra de sucesión, 1700 – 1714”; Xurxo Alfeirán Chouciño achégase á vida do filántropo de Malpica, Anselmo Villar Amigo; Cristina Barreiro ofrece os resultados da súa investigación sobre “Unha posible atribución a un sartego en Sobrado dos Monxes. Gonzalo de Ozores e a súa localización mortuoria”.

Pola súa banda, José Enrique Benlloch Castiñeira escribe sobre os galegos presentes na resistencia francesa. “O preito aberto entre un alemán e o seu socio holandés polo comercio marítimo en Muxía e Camariñas, no 1586”, é o artigo achegado por José Enrique Benlloch del Río e José Enrique Benlloch Castiñeira a este Nalgures, que tamén recolle os “Novos achados na biografía do Bacharel Solla de Godoy: armorial, dote e testamentos” investigados por Alfonso Daniel Fernández Pousada.

Javier García Gómez profunda sobre a breve existencia na Alta Idade Media do Mosteiro de Pravio, en Cambre e José Manuel López Hermida e Alberto Paraje Méndez sobre as defensas costeiras de Ribadeo e a súa artillería nos séculos XVIII e XIX.

José María López-Dafonte analiza a figura de “Francisco Fernández García, paladín do socialismo ferrolán durante a restauración” e Carlos Pereira Martínez, o conferenciante deste acto de presentación da revista Nalgures, sobre “O espiritismo na cidade de Ferrol no século XIX: O centro La Reencarnación”.

Tamén aparece Gabriel Plata centrándose na figura de Gabriel Plata Astray, o propulsor do cultivo da alfalfa en Galicia no período 1961-1973. Completan a edición dous artigos máis. Un interesantísimo de Ana Romero Masía, sobre “Novos achados sobre as espontaneadas: Malpica de Bergantiños 1800-1850” e outro de Ramón Izquierdo sobre a Cruz Parroquial de San Munio de Veiga, en Ourense.

Desde a Asociación de estudos históricos de Galicia animan a investigadores e historiadores a enviar traballos para a súa publicación no seguinte número de Nalgures.

ÚLTIMAS

Inés Rey sobre Feijóo: “non ten nada que achegar á cidadanía”

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, sinalou que o líder do Partido...

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e estafas de factura

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e...

Colaboración entre a UDC e o Hospital de Ferrol para desenvolver lentes de realidade aumentada en cirurxía

Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) colaboran co Campus Industrial de Ferrol...

Desestimada unha demanda por desafiuzamento nun edificio de Cambre promovida pola Sareb

A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto pola Sareb (coñecido como o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here