O ano pasado a protagonista foi Susa da Cabeza, e este ano a Choqueira do Entroido é “A Paca”. O personaxe á que da vida José Ángel Gago é a protagonista do cartel do Entroido 2025, e ademais terá a súa placa na rúa de San Xosé, como outros moitos históricos da nosa festa.
Natural de Santiago e de familia de Rianxo, José Ángel Gago (1972) comezou a disfrazarse
e participar no antroido coruñés na súa etapa no instituto de Someso, onde gañou o terceiro premio co seu disfrace de asistenta. Gago disfrazouse sempre de personaxes femininas, como serea, policía, anxo, demo ou vixiante da praia, ata asentarse caracterizado como ‘A Paca’.
A súa visita, acompañada dunha comitiva entroideira, serviu para presentar o completo programa de actos, que podedes descargar nesta ligazón.
COMPLETO PROGRAMA

O programa vai do sábado 22 de febreiro ao mércores 5 de marzo.
Este sábado, Palexco acollerá a partir das 18.00 horas o concurso de comparsas, na modalidade de música e letra, en Palexco. Os convites estarán dispoñibles este venres a partir das 11.00 horas no
despacho de billetes da praza de Ourense e o propio sábado, en caso de quedar localidades dispoñibles, na propia billeteira de Palexco. A gala será presentada por segundo ano consecutivo por David Amor. A comparsa gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo, do vindeiro venres 28 no Obelisco.
Por outra banda, o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o sábado 1 de marzo a partir das 18.00 horas. En total, hai 27 comparsas e agrupacións inscritas nos diferentes concursos.
A próxima semana terán lugar dúas homenaxes dentro da programación municipal do Antroido. A primeira será a que se fará ás Mulleres das Atochas o Xoves de Comadres, cun percorrido que partirá ás 20.00 horas da praza Coro Cantigas da Terra ata María Pita e no que se lembrará a figura destas mulleres anarquistas.
Homenaxe aos Os Maracos
Por outra banda, o venres 28 ás 13.00 horas celebrarase o acto de colocación dunha nova lousa no Andar do Antroido, na rúa da Torre. Nesta edición renderase homenaxe aos Maracos por ser a comparsa máis veterana.
O Antroido nos barrios
Os 28 de febreiro, 1, 2 e 3 de marzo haberá obradoios infantís e festas nos barrios de San Pedro de Visma, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Feáns, Castro de Elviña, Monelos, Monte Alto, Os Rosales, Eirís, Labañou, Os Mallos, Artesáns, Pescadores, A Silva, Sagrada Familia, Novoboandanza e O Castrillón. As persoas interesadas en asistir poderán informarse e inscribirse a partir deste venres 21 nos propios centros cívicos.
O Gran Martes de Antroido
O Campo da Leña e na Rúa da Torre acollerán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Haberá, ademais, unha actuación musical de Broken Peach ás 21.00 horas para pechar unha xornada na rúa da Torre que coma sempre, renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau.
Antes, ás 13:30h, procederase á colocación da placa do Entroido.
Máis novas do Entroido
Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre