Seguen escoitándose os ecos da manifestación #AcabemoscoNegociodaVivenda deste pasado sábado no centro da Coruña, que xuntou a máis de 5.000 persoas demostrando a disposición da cidade a saír a rúa e protestar. Pero en realidade a cita, enmarcada nunha mobilización estatal, foi só o comezo dunha loita organizada na cidade contra o uso da vivenda como un ben de mercado.
Así o entenden dende o convocante Sindicato de Barrio da Falperra/Os Mallos, que xa preparan novas accións. A través desta ferramenta de autoorganización na que se ten convertido o Sindicato no centro social da Revolteira, van continuar loitando por conseguir que “os barrios deixen de ser mercancías”. “A vivenda é un dereito básico e está a converterse nun luxo”, denuncian, dando conta do aumento infinito dos alugueres na cidade.
“O seguinte paso é organizarse”, recoñece un satisfeito Gabriel Lamela Chouciño. “Esperamos ter tamén xente involucrada neste proceso, e unha das cousas que queremos facer para dar ese paso é a formación de “Brigadas Inquilinas”, unha das ferramentas que están utilizando diferentes sindicatos de todo o estado”. Estas citas tratan de crear grupos de traballo que tras unha formación e investigación, realizarán visitas a edificios cuios pisos pertencen a un só propietario, o que se chaman “bloques de propiedade vertical”. “Como todas as persoas inquilinas dese edificio comparten caseiro, trataremos de ir porta a porta informando da situación, porque moitas veces a xente non sabe que ten o mesmo caseiro, e así tratar de organizalos para que poidan ter un maior poder de negociación, e xuntas poidan esixir melloras nosedificios, frear desafiuzamentos e demandar algueiros máis baixos”.
“Temos investigado pola Falperra e Mallos, pero estamos formulando o primeiro grupo que comezará a investigación de localización de bloques, e crear unha estratexia pensando xa no seguinte paso, que será ir xa a visitar in situ para facer o porta a porta e convocar ás veciñas a unha “asemblea de bloque”, preguntarlles cal é a súa situación e informalas dos seus dereitos”, explica.
A primeira desas xuntanzas das “Brigadas Inquilinas” será xoves 10 de abril ás 19:00h na propia Revolteira (Rúa Falperra, 13).
Será unha asemblea aberta para a organización das brigadas, pero tamén na que realizarán unha valoración da manifestación, e repasarán temas pendentes de pasadas asembleas, etc.
A entidade seguirá así loitando pola aplicación dun tope aos prezos de aluguer e a regulación dos contratos, pelexarán contra o racismo no acceso na vivenda, e polo crecimento da oferta de vivenda social, así como polo fin dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional ou pola expropiación de vivendas baleiras e de grandes especuladores.
Máis novas
Cinco voces, ducias de argumentos para acodir á manifestación “Acabemos co negocio da Vivenda”
#Ninmedionormal, a campaña de @o.novo.normal.coruna pola Emerxencia Inmobiliaria