InicioA CORUÑARexeitamento da CIG ao proxecto de universidade privada presentado por CESUGA

Rexeitamento da CIG ao proxecto de universidade privada presentado por CESUGA

Publicada o

Por monchomarino

A CIG mostra o seu firme rexeitamento ao proxecto de universidade privada que presentou a semana pasada o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), á vez que recela da postura da Xunta, polos “antecedentes coñecidos” coa universidade que creou Abanca, e critica o apoio que lle deu publicamente o Concello da Coruña, coa socialista Inés Rei á fronte.

Nun comunicado, o sindicato nacionalista censura que a futura Universidade Emilia Pardo Bazán –segundo o nome co que foi presentada– vaia a nacer da man de “unha parte destacada do empresariado coruñés”.

A CIG tamén critica que o PSOE da cidade, a través do goberno local, saíse a “amadrinar” este proxecto, “fortalecienco deste xeito o histórico respaldo á privatización do sistema universitario galego promovido polo PP desde a Xunta de Galicia”.

Neste sentido, o sindicato afea que o Executivo autonómico xa autorizase, a través dunha lei que logo foi aprobada no Parlamento coa maioría do PP, a constitución da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca.

A CIG denuncia que esta institución “non cumpría” a Lei do Sistema Universitario de Galicia do ano 2013, que pide que o catálogo de ensinos non sexa “reiterativo” coas que xa están implantadas na pública –por exemplo, conta cos graos en Dereito e Psicoloxía– e que faga “promoción do galego”.

Agora, insiste o sindicato, o Cesuga da Coruña promoverá a segunda universidade privada de Galicia como “aposta dun importante lobby empresarial coruñés que viu con malos ollos que Feijóo concedese o ‘premio'” a Abanca.

Máis aló de apuntar á Xunta, a CIG cualifica de “lamentable espectáculo” o acto “propiciado” pola alcaldesa da Coruña, “co seu entusiasta apoio a unha entidade que pretende competir coa oferta pública da cidade”.

A XUNTA ASEGURA QUE DEBE SEGUIR OS PROCEDEMENTOS

“Celebramos que haxa unha iniciativa, pero todas as iniciativas teñen un percorrido e un procedemento”. Con estas palabras valorou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a posible creación da nova universidade privada Emilia Pardo Bazán, impulsada por Cesuga na Coruña.

Preguntado este mércores pola viablidade do proxecto ante a celebración na próxima semana do pleno do Consello de Universidades, o responsable autonómico indicou que celebra “calquera tipo de iniciativa orientada a potenciar ou a reforzar a educación de calquera territorio”.

Por outra banda, indicou que, das 46 universidades privadas existentes en España, só una delas está en Galicia (UIE, de Abanca). “Funcionan todas baixo unha normativa estatal e o proceso de creación réxese por unha normativa estatal”, subliñou Rodríguez sobre o proceso que debe seguir calquera proxecto deste tipo. Con todo, a Xunta tamén debe emitir respectivas autorizacións para a súa creación e mesmo elaborar unha lei.

PIDE “UNHA ACLARACIÓN” AO MINISTERIO

Por outra banda, afeou que atopou “contradicións” entre “declaracións políticas dalgúns cargos do Partido Socialista”; en concreto, entre o Ministerio de Universidades, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Rodríguez indicou que o Goberno estatal non fixo “un informe expreso que dea luz verde á iniciativa”. “Non existe ese informe”, insistiu. Con todo, recolleu que a alcaldesa da Coruña sinalou que “todos os informes están feitos” e que é “todo positivo” por parte do Goberno.

O responsable autonómico referiuse a declaracións realizadas pola rexedora en ‘Radio Coruña’ o luns 5 de maio. “Esta universidade conta co apoio do Goberno de España. Ten todos os informes favorables e, por tanto, aí nada que dicir”, trasladou Rey á emisora, preguntada polas críticas realizadas por Comisiones Obreros ao seu apoio. Na mesma entrevista, a alcaldesa insistiu na súa postura favorable: “Eu dei o meu apoio porque considero que é un bo proxecto, que vai facer cidade e que nos vai a axudar a seguir desenvolvéndonos economicamente”.

Por este motivo, a Consellería de Educación pedirá “unha aclaración” ao Ministerio para “saber se un informe que existe, que non dá luz verde de forma explícita, é ou non é favorable á posta en marcha desta iniciativa”. Para Rodríguez “esta é unha contradición importante”. “Estas cousas hai que tomalas con moito rigor”, sinalou. Ao mesmo tempo, pediu esta “aclaración” ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro: “Debería dicir quen ten razón”.

ÚLTIMAS

A veciñanza fai a súa análise do fallido proceso participativo de Coruña Marítima

"Por unha recuperación xusta dos terreos portuarios", é o título da charla informativa que...

Fiscalía mantén a súa petición de condena para o alcalde de Oleiros pola derriba da Casa Carniceiro

O Ministerio Público mantivo a súa petición de condena a 15 meses de prisión,...

O Concello de Oleiros analiza a posible creación de dúas liñas internas de transporte público ante a inacción da Xunta

As queixas polo servizo de autobuses que afecta á veciñanza de Oleiros son continuas...

Aproban definitivamente a licitación da redacción da plan da fachada marítima a pesar das críticas

Xa está en marcha o 'Máster Plan' do proxecto Coruña Marítima, sen dúbida, un...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here