Pleno máis tranquilo do habitual este xoves 8 de maio no Pazo de María Pita (podes velo na canle de youtube municipal. Non houbo longas retaílas e, de feito, moitos dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade.
Un dos que non sumou as vontades dos 3 partidos, e que representou as diferentes partidistas nas distintas administracións, foi a moción presentada polo BNG sobre o actual estado de abandono do Centro de Orientación Familiar de Orillamar. Con todo, o seu paso polo pleno foi un paso importante para acabar con esta situación, e axudar a chegar a un entendemento entre o Concello e a Xunta. O BNG leva meses criticando o desleixo tanto da Xunta como do Concello, e aceptou unha emenda do PSOE (e rexeitou unha do PP) pero asegurando que vai esixir e fiscalizar que o Concello asuma as súas responsabilidades na reformulación do novo convenio e non provoque a suspensión dos necesarios servizos que ofrece ás mulleres da cidade.
Porque como explicou a concelleira de Servizos Sociais Nereida Canosa, falamos dunha infraestrutura sanitaria que se rixe por un convenio asinado entre o Concello e o Insalud en 1986. Dende aquel, as numerosas reformas lexislativas deixan claro que o convenio debe considerarse “extinguido”, e que as obrigas en materia sanitaria son competencia da Xunta. Con todo, é certo que foi o Concello o que foi deixando de renovar o edificio, ou que foi deixando de contratar persoal que viña recollido no devandito Concello (persoal admnistrativo…) deixando caer a calidade do servizo.
Canosa explicou como vai o proceso de negociación co Sergas. Confirmou que en xaneiro mantiveron unha reunión as dúas administracións, e que en febreiro o Concello remitiu o informe da Asesoría Xurídica no que explica a necesidade da renovación do convenio e deixa claro que o Concello non pode convocar nin cubrir prazas sanitarias. Tras varias conversas informais, Canosa sinalou que a Consellería vai contestar en breve.
O PP, que votou en contra da moción, cargou contra o abandono por parte do Concello en canto ás instalacións como o persoal, sinalando que o Sergas propuxera que o concello abrise unha nova oferta de emprego e que se flexibilizase o horario, obviando que foi o propio goberno popular o que en 2013 eliminase o horario de tarde de atención ao paciente.
Instituto José Cornide
A corporación aprobou a modificación dos estatutos do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. O Concello recolleu a necesidade de adecuar a súa estrutura e funcionamento aos novos tempos, unha vez que os estatutos datan de 1988. Coa moción creáse un novo plenario ampliando o número de membros, incluíndo representantes municipais.
“Reinvención de Espazo Coruña”
Tamén foi aprobada por unanimidade a aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan parcial do Sector 7 “Recinto feiral de Someso”, que en realidade pretende permitir novos usos no Espazo Coruña. Tanto o BNG como o PP recoñeceron o fracaso da proliferación dos centros comerciais na cidade, e da necesidade de protexer e por en valor o comercio local.
IES “Masculino”
Aprobouse tamén o Estudo de detalle para a cubrición dunha pista exterior no IES Salvador de Madariaga, o Masculino, tendo coidado coa contorna. O PP criticou os 2 anos e medio de retraso no procedemento.
Moción sobre o barrio da Silva
Tamén foi aprobada por unanimidade a moción do BNG sobre a necesidade de acometer as medidas acordadas en pleno hai 4 anos, para os barrios da Silva e Cances, sen non se fixo ningunha medida.
Sobre a memoria democrática
Lembrou o BNG que o Consello de Memoria Democrática leva 4 anos sen ser convocado, asi como a cantidade de elementos franquistas que seguen ser ser retirados da cidade, aputando as premuras municipais na solicitude da declaración de tres espazos como Lugares de Memoria Democrática.
O PP, falou de seguridade en vez de memoria, e lembrou a súa posición de revogar a Lei de Memoria Democrática. Pola súa parte, o PSOE evitou facer autocrítica e sacou peito do seu traballo realizado, sendo aprobada a moción cos votos a favor de PSOE e BNG e os votos en contra do BNG.
PEMU
O PP presentou unha Moción relativa á redacción do novo Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), en relación ao apagamento. Foi aprobada por unanimidade.
O Parque Vixía de Monte Alto
Volveu o Carlos San Claudio tomar a palabra no pleno coa súa habitual forma populista de expoñer unha moción popular con propostas para Monte Alto. Con continuas alusións á alarma social por unha irreal inseguridade, calificando á rexedora como “alcaldesa por sorpresa”, o concelleiro instou a acompeter actuacións pendentes como a creación do Parque do Vixía, anunciado en 2020, ou a recuperación e rehabilitación da antiga prisión provincial de cuxa cesión non hai ningún avance.
O BNG votou a favor da moción, pero sen esquecer criticar a ridícula presentación do edil, e lembrar que este tema xa presentado polo seu grupo en reiteradas ocasións.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, reivindicou os máis de 20 millóns de investimentos no barrio (aínda que non estean executados), pero votou a favor da moción, que tamén foi aprobada por unanimidade.
Máis novas
O BNG ve un “acordo tácito” entre o Concello da Coruña e Xunta para “desmantelar” o COF de Orillamar