InicioSOCIEDADEAs Vítimas do Franquismo retoman a petición de eliminar as distincións a...

As Vítimas do Franquismo retoman a petición de eliminar as distincións a Manuel Fraga

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Hoxe foi presentado en roda de prensa o manifesto da campaña “Non queremos a Manuel Fraga como Fillo Adoptivo”. Participaron persoas que estiveron presas e presos políticos na ditadura como Manuel Monge, Celsa Díaz Cabanela, Nicanor Acosta; así como familiares de vítimas do franquismo como Dolores Ares Torres, Gerardo García Moreira e Teresa Ramiro.

Lembraron a compañeiros presos políticos na ditadura de toda Galiza que asinaron o primeiro manifesto en 2019 para retirar as distincións a Fraga e que faleceron nos últimos anos: Rafael Pillado, Xan María Castro, Enrique Veira, Vicente Couce, Ángel Porto, Fernando Miramontes, Luis González López “Ferreiro”.

Apuntaron que o Pleno da Coruña de maio de 2019 acordaba iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. “Os tempos son chegados, é hora de culminar este longo proceso de case seis anos”, sinalan,

Por iso, “Vítimas do franquismo” da comarca da Coruña solicitará entrevistas cos grupos da Deputación da Coruña e os grupos municipais dos concellos da Coruña e Betanzos para que presenten iniciativas para a retirada a Manuel Fraga todo tipo de distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Entre as iniciativas para os próximos meses, o colectivo de vítimas do franquismo da comarca da Coruña distribuirá un folleto informativo sobre Fraga; pedirá apoios ao manifesto a historiadoras/es, xente da cultura e entidades da comarca da Coruña; solicitará intervir desde o Escano Cidadán no concello da Coruña; enviará un escrito ao ministro de Memoria Democrática para que se inclúa as rúas e distincións concedidas a Fraga na ditadura no Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática, é dicir ilegais.

O Manifesto

No manifesto recollen algunhas distincións a Fraga, xa retiradas en concellos do país, así intervencións dos distintos partidos nos plenos municipais; distincións que conserva Fraga, concedidas na ditadura, e as concedidas en democracia, así como opinións sobre Fraga.

Lembran que o ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.

Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia fascista e servizos á ditadura, afiliándose a Falanxe en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falanxe Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); membro do Consello Nacional de Falanxe, Presidente do Instituto de Estudos Políticos, procurador das Cortes franquistas, membro do Consello de Estado e ministro.

Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989, e preside o congreso fundacional que era recollido así nos medios de comunicación: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas” (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).

O manifesto sinala: Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, que era cualificada así na Resolución 96 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946: “En natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime de carácter fascista, establecido en gran parte grazas á axuda recibida da Alemaña nazi de Hítler e da Italia fascista de Mussolini”. A situación de Fraga, como servidor dunha ditadura, é unha anomalía na Europa democrática. Algún ministro de Hitler ou Mussolini conserva rúas e distincións en Alemaña ou Italia?

 

“COMO SERVIDOR DO FRANQUISMO E MINISTRO DUNHA DITADURA CRIMINAL, MANUEL FRAGA NON MERECE RECOÑECEMENTO SOCIAL, NIN A DISTINCIÓN DE FILLO ADOPTIVO. FRANQUISMO NUNCA MÁIS!”, remata o manifesto

 

Máis novas

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

“O Consello da Memoria Democrática leva 4 anos sen se convocar”

Chisco Fdez. Naval: “Meus fillos tiñan que saber”

ÚLTIMAS

Aquí tamén se fala segue colleitando apoios para normalizar o nome do Dépor

Mentres a cidade celebra os 25 anos do título de Liga, a mocidade estudantil...

Grazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

“Donde estea, estarei por ti, estarei contigo, porque é a forma superior de estar...

Comezan as obras dos novos accesos ao Chuac, que deberían estar rematados en 2027

As obras dos novos accesos ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) comezaron coa...

A familia de Yoel Quispe pide penas de entre 15 e 25 anos de cárcere para tres novos pola súa morte

A familia de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos apuñalado mortalmente na Noiteboa...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here