Especial fin de curso para a rapazada dos CEIP Emilia Pardo Bazán e CEIP Torre de Hércules. E especial tamén para moitas persoas privadas de liberdade do centro penitenciario de Teixeiro. Os internos levan varias semanas preparando uns agasallos para os máis de 700 nenos e nenas dos dous centros educativos, no marco do proxecto Entre Patios, promovido pola Fundación Érguete-Integración, que ten como obxectivo impulsar o proceso de inserción social das persoas privadas de liberdade a través da humanización dos patios de centros escolares.
O xoves, era o alumnado de 6º de primaria do CEIP Emilia Pardo Bazán quen recibía uns pins elaborados ad hoc no taller de 3D de Teixeiro, no que colabora Aspronaga, como recordo da súa etapa no centro, gracias á vontade da ANPA Milnenos.
Pero é que ademais, ao longo deste venres máis de 500 alumnos e alumnas do centro dos Rosais recibe as xa míticas ovelliñas de Teixeiro, un símbolo realizado nos talleres de olería do penal, que levan anos servido de agasallo institucional. Un xeito de darlle sentido eses talleres ocupacionais de prisión, onde os internos pasan moitas horas creando elementos que algunhas veces non se aproveitan, polo que o feito de que o seu traballo se convirta nun agasallo que lle alegre a fin de curso á crianzas da cidade enche de sentido o seu esforzo.

Tamén traballaron arreo as persoas internas participantes no curso de xardinería da Fundación que dirixe Tania Breo, que elaboraron, a toda máquina, máis de 200 ramiños de San Xoán, cos que as crianzas volverán hoxe a casa conmemorando unha das tradicións máis arraigadas da cidade. Un agasallo tamén promovido pola ANPA Monte Vixía
Entre Patios
Ambos presentes teñen moito en común: foron confeccionados por internas e internos do penal de Teixeiro que participan en Entre Patios, unha iniciativa posta en marcha pola Fundación Érguete-Integración co obxectivo de impulsar o proceso de inserción social das persoas privadas de liberdade a través da humanización dos patios de centros escolares. Un proxecto xa recoñecido a nivel provincial e mesmo estatal.
Era en plena pandemia cando nacía o xerme deste proxecto. Coa intención de alegrar un chisco aos cativos e cativas que non podían celebrar a súa festa de fin de curso naquel complicado 2020, varias persoas privadas de liberdade no CP de Teixeiro e o CIS da Coruña, coordinadas pola Fundación, elaboraron manualmente pequenas ovellas de arxila para agasallar ao alumnado do CEIP Torre de Hércules.
Aquel primeiro xesto sentou as bases dunha iniciativa que, dende entón, non deixou de medrar.
Ao longo do tempo, Entre Patios foi avanzando e diversificándose. A día de hoxe, internos e internas participan na construción de mesas de picnic e murais en forma de árbore cos que humanizar os espazos exteriores dos centros educativos; renovan canastras e portarías reutilizando redes de pesca ou -como nesta ocasión- confeccionan 250 ramiños florais, 75 pins con impresión 3D e 530 figuriñas de arxila por encarga das ANPAS Milnen@s e Monte Vixia, para repartir entre o alumnado na festa de remate do curso escolar.
O proxecto, ademais de ofrecer formacións que incrementan as posibilidades de acceso ao mercado laboral unha vez rematada a condena, fomenta entre as persoas participantes valores como a solidariedade, o compañeirismo e a cooperación. De igual modo, promove a creación de redes entre a comunidade penitenciaria e educativa, así como con outras entidades que colaboran nalgunhas actividades.
Máis novas
Humanizar os patios das escolas para humanizar as persoas privadas de liberdade