Semella certo que a cantidade de recursos cos que conta a cidade da Coruña en materia de atención á pobreza, está xerando un efecto de atracción. Pero a realidade é que a pobreza crónica e invisible medra. A mesma directora de Cáritas Interparroquial da Coruña, María Dolores Rivas, subliña que “a exclusión xa non se manifesta só na falta de ingresos, senón tamén na soidade, na inestabilidade emocional, na vivenda indigno e na falta de oportunidades reais”.
Así, a entidade vén de facer un balance de 2024, no que atendeu 4.945 familias, realizando máis de 13.500 intervencións sociais, un aumento do 30% con respecto ao ano anterior.
O aumento débese á maior complexidade dos casos atendidos, que inclúen situacións con persoas sen rede de apoio, problemas de saúde mental, desemprego persistente, fogares monoparentais sen ingresos, sen fogar ou vivenda precaria. As persoas atendidas requiren máis tempo, máis recursos e un apoio moito máis integral.
Sinalan que a precariedade aumenta e que a situación de moitas destas persoas, lonxe de mellorar, seguen empeorando. “A pobreza se volveu máis invisible, pero tamén máis crónica e difícil de superar”, apuntan.
Atención Primaria
O programa de Atención Primaria volveu ser o eixo central da actividade. Cáritas xestionou 88.869 € en axudas directas para cubrir gastos como comida, subministracións, medicación, transporte, material escolar e alugueiro. Ademais, distribuíronse produtos valorados en máis de 87.000 € a través de tendas de alimentación solidarias parroquiais. Esas tendas que fan unha labor necesaria, pero que ao mesmo tempo personalizan a pobreza.
A pesar do aumento das necesidades, os ingresos dispoñibles diminuíron. As doazóns diminuíron e a organización tivo que recorrer a máis fondos propios para garantir o subministro básico de alimentos.

Vivenda
En canto á vivenda, a entidade ofrreceu máis de 11.000 pernoctacións en tres fogares de acollida para familias sen fogar. Ademais, realizáronse traballos de mellora en vivendas deterioradas, moitas das cales carecían das condicións mínimas de habitabilidade, grazas á colaboración de empresas e voluntarios técnicos.
Emprego e formación para romper o ciclo da pobreza
Un total de 742 persoas foron atendidas no Centro de Formación Violetas, das cales 473 participaron en programas de integración sociolaboral e recibiron orientación personalizada, formación, obradoiros de habilidades persoais e habilidades dixitais. Realizáronse dezasete actividades formativas, especialmente en sectores de alta demanda como o emprego doméstico, a atención a persoas dependentes e a hostalería.
Cáritas tamén consolidou acordos con empresas locais para proporcionar prácticas e oportunidades de primeiro emprego a persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego.
Unha rede sostida polo voluntariado
Se ben é necesario seguir afondando na profesionalización do terceiro sector, é certo que para a entidade todo este traballo foi posible grazas á implicación de 326 voluntarios e un equipo técnico formado por 17 profesionais.
O orzamento executado en 2024 alcanzou os 2.045.512 €, distribuídos entre os distintos programas de atención primaria, atención á infancia, atención a maiores, vivenda, emprego, voluntariado e formación.