InicioA CORUÑAAvaliando a proposta de orzamentos da Xunta 2026 para a Coruña e...

Avaliando a proposta de orzamentos da Xunta 2026 para a Coruña e a comarca

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Complicado é mergullarse no portal de transparencia para avaliar a proposta de Orzamentos da Xunta para o 2026. O laberinto de orzamentos.xunta.gal fai complicado analizar os investimentos por comarcas ou concellos.

Con todo, si que notamos unha baixada de investimento en Sanidade e Educación a nivel autonómico. Se en 2020, a Xunta dedicaba un 40,5 % do orzamento total a Sanidade, este 2026 serán un 37,49%. E se en 2020 a porcentaxe destinada a Educación era do 24,1 % , este vindeiro baixará ata o 21,01%.

Investimento na Coruña

Asegura o PP local que a Xunta propón un investimento total na Coruña de 710 millóns de euros (48 millóns máis que este ano), en vivenda, sanidade, benestar social, emprego, educación, deporte, transporte…

E debulla algunha das partidas principais, sendo a máis grande, de 43,7M€, para continuar no Novo CHUAC.
Neste punto, o BNG matiza que “nos orzamentos de 2024 a partida que aparecía na programación plurianual para 2026 era de 101,8 millóns de euros e este mesmo 2025 desde a Xunta afirmouse que no próximo exercicio irían consignados 64,2 millóns de euros, pero finalmente queda en 43,7M”. De feito, a Xunta xa admite que as obras non concluirán até máis alá de 2030, aprazando o groso do investimento -221,7 millóns de euros- a partir de 2029.

En materia de Sanidade tamén hai contemplados 4,4 M€ para o novo centro de saúde de Santa Lucía, e 1,7 M para novos equipamentos.

En materia de vivenda 13,2 M€ serán para construír vivendas públicas en Xuxán –onde nestes momentos hai 104 pisos en construción- e noutras zonas da cidade –onde hai 99 máis- e 1,34M€ para desenvolvemento de chan en Monte Mero –onde se prevén máis de catro mil vivendas das cales o 80% serán protexidas.

O PP pon en valor tamén os 3,6 M€ destinados para o Consorcio da Música, un 20% máis que hai 2 anos.

Partidas desprazadas do exercicio 2025 a 2026

En contraposición, o BNG denuncia unha práctica habitual da Xunta: “o vicio de desprazar dun exercicio a outro partidas non executadas”. Pon exemplos como a reforma da residencia Torrente Ballester, “unha obra cuxa execución demorará un mínimo de 24 meses. En 2025 o Goberno galego orzou 1,6 millóns de euros. Non os executou, e agora a Xunta consigna o total do investimento, 3,8 millóns de euros, para 2026”.
O mesmo acontece co Centro de Formación da Cidade das TIC. A partida de 4,1 millóns de euros de 2025, non executada, engrosa agora as contas para 2026.

Lamentan a forte redución para as reformas nos centros de ensino: En 2024, consignouse a cantidade de 8,2 millóns de euros. En 2025, 6,9. Agora, 4,3. Unha redución do 50% en dous anos”, denuncia o grupo do BNG.

Critican dende a oposición a falta de partidas para completar o cadro de persoal dos centros de orientación familiar, os COF, do Ventorrillo e Orillamar.

Investimentos na comarca

Dende o PPdG provincial recollen tamén varias partidas destinadas a concellos da comarca:

Culleredo recibirá 2,5 millóns de euros para financiar as obras de novo ‘Skate Park’ e unha partida de 1,5 millóns para levar a cabo melloras na instalación deportiva de de Acea de Ama.

A Xunta dedicará 3,4 millóns de euros para melloras nas instalacións ubicadas no INEF de Oleiros.

O Concello de Sada recibirá 6,4 millóns de euros para actuacións que permitirán evitar inundacións derivadas do cambio climático. Neste mesmo municipio, a Xunta investirá, neste ano 2026, 1.092.406 euros para a rehabilitacion do CEIP Pedro Barrie da Maza.

Carral contará cun novo CEIP Vicente Otero Valcárce -800.000 euros-, e tamén ahberá as melloras no IES Manuel Murguia de Arteixo por valor de 1.265.338 millóns de euros, dos que neste 2026 se investirán 379.601 euros.

Máis novas

A urbanización do Monte Mero, unha “bomba urbanística” para o anel verde da Coruña

Novos atrasos nas obras do ‘Novo Chuac’ e dificultades nas escavacións dos novos edificios

Adxudicadas as obras do novo Santa Lucía: As obras comezarán antes de que finalice o ano

 

ÚLTIMAS

Os murais de Lugrís da rúa Olmos xa son BIC

Hai ano e medio que a Xunta iniciaba o expediente para declarar Ben de...

As traballadoras das residencias de maiores privadas realizaron un peche-encadeamento en Padre Rubinos

Traballadoras de residencias de maiores privadas non cesan na súa loita por un convenio...

O BNG pon o foco na vixilancia para que se cumpra a próxima ordenanza das terrazas

A concelleira do BNG Avia Veira ofreceu este martes unha conferencia de prensa para...

Dolores Barral Rivadulla, nova membro numeraria do Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide

O Palacio Municipal de María Pita acolleu onte o acto de lectura do discurso...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here